A creación, dirixida por Rubén Pardiñas e producida por Pasacana Films, amosa a situación da lingua nos seus límites xeográficos.
Cartel de 'Fronteiras'
O documental Fronteiras, de Rubén Pardiñas, foi seleccionado para competir no International Film Festival FEST'07 da localidade portuguesa de Santa Maria da Feira. O certame desenvolverase do 20 de outubro ao 4 de novembro e a proxección da produción galega será o 31 de outubro ás seis da tarde.
Xunto a Fronteiras, proxectarase Salvagens, de Filipe Araújo. No festival compiten, ademais, outros tres documentais portugueses, tres brasileiros, dous españois e mais un de Arxentina, Australia, Eslovaquia e Sudáfrica.
No FEST, ademais, competirán longametraxes e curtametraxes de ficción, entre elas unha selección de creacións galegas. Fronteiras amosa os límites xeográficos e culturais de Galiza e a situación da lingua alén dos nosos límites administrativos.