Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sobre a nova lei do cinema

Chegarán os cartos para apoiar o cinema en galego ou farán falta máis cousas?

Cada ano ródase, como moito, un filme en galego, éuscaro e catalán. A Lei do Cine quere mudar esta tendencia creando un fondo para o cinema en "linguas cooficiais".

A. Rodríguez - 09:15 21/10/2007
O ministro de Cultura, César Antonio Molina con Zapatero

O ministro de Cultura, César Antonio Molina con Zapatero

Os cartos deste fondo chegarían, como máximo aos 11 millóns de euros, -aproximadamente a metade do investido o pasado ano na industria cinematográfica de Galiza, Cataluña e Euskadi-, e uniríanse aos que aporten estas comunidades para favoreceren a creación cinematográfica nas súas "linguas cooficiais".

Mais habería que pensar o que está a pasar no cinema catalán, galego e vasco para que cada ano se produza, como moito, un filme nas súas linguas nacionais, que ademais non vai ver moita xente.

Non existen datos fiábeis sobre o número de espectadores que acoden, ao ano, a ver filmes en galego, catalán ou éuscaro, xa que moitas veces non están separados dos datos totais, pero de todos os xeitos é fácil de ver que se o chamado "cinema español" vai mal, é bastante posíbel que o catalán, o galego o vasco ou o valenciano vaian peor.

Para tentar solucionar isto, o goberno español creou na nova Lei do Cine un fondo de axuda para o cine feito nas chamadas "linguas cooficiais", paralelo, separado do fondo cinematografía do ICAA, que é de 85 millóns de euros.

Subvencionando o cinema
Segundo o ministro de Cultura, o galego César Antonio Molina, o novo fondo é unha "pequena axuda" a repartir entre Cataluña, Euskadi e Galiza, e a completar cos cartos que cada comunidade poida aportar.

O texto da Lei do Cinema, que recolle este fondo, vén de superar as emendas á súa totalidade dos distintos grupos no Congreso o pasado 4 de outubro, mais non as do PP, que pensa presentar máis de 50 novas emendas, aínda considerando a nova lei "nada boa, mais necesaria".

O voceiro de Cultura de CiU, Jordi Vilajoana, considerou, pola súa parte, que a lei invade competencias da Generalitat: "o noso obxectivo é que haxa unha boa lei para o cinema catalán, vasco, galego e castelán. Que a lei sexa respectuosa coas competencias e promova o cinema de calidade", rematou Vilajoana.

Dentro do grupo mixto, o deputado do BNG, Francisco Rodríguez salientou que o seu partido non presentou ningunha emenda á totalidade porque "os produtores galegos consideraron que a lei era tímida, mais positiva e podía reformarse con emendas particulares". Tamén se referiu ao fondo para os produtos en linguas cooficiais como un "avance" porque, segundo dixo, é importante que "exista respecto para o cinema en catalán, en éuscaro e en galego para que non se dilúa no maremagnum do cinema en español".

Será cousa da falta de cartos ou da falta de espectadores?
É algo que hai que se preguntar chegados a este punto: se é que o cinema en galego, por exemplo, non ten espectadores porque non hai bos filmes ou é que non hai bos filmes porque non hai espectadores.

Para producir un filme no estado español adoita haber un orzamento axustado de, polo menos, dous ou dous millóns e medio de euros. Quen fai cine en Cataluña, Euskadi ou Galiza só conta con un millón de media, como moito.

Para optar ás axudas da Xunta -que se dan a través da Axencia Audiovisual Galega (Cultura), Vicepresidencia, Industria ou a CRTVG-, o produto audiovisual debe de estar feito en galego, mais tamén se acepta que estea dobrado ao galego. Isto segundo é o que fai a meirande parte das produtoras, porque en castelán hai un público potencial maior.

Ao mellor habería que pensar en traballar máis co público, ademais de falar de subvencións.


2/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un patio de butacas baleiro / Flickr: Cartel 82
Un patio de butacas baleiro / Flickr: Cartel 82
Outro patio de butacas baleiro e, ao fondo, o filme / Flickr: Juan Nosé
Outro patio de butacas baleiro e, ao fondo, o filme / Flickr: Juan Nosé
O Cine Imperio, un dos vellos que foi pechado / Flickr: casasroger
O Cine Imperio, un dos vellos que foi pechado / Flickr: casasroger