O novo e o vello, de Eisenstein, é un dos filmes que abren a programación este mércores 17:
O local da Rúa Santa Clara, en Compostela, acolle un ano máis as proxeccións do
Cineclube. Nesta axeitada data, case noventa anos despois da
Revolución de Outubro, achegarémonos ao cinema soviético da man de dous dos seus máximos representantes: o alma mater do Kino Pravda, ou Cinema da Verdade,
Dziga Vertov, autor de referentes na historia do documental como
O home da cámara.
Desta volta veremos a curtametraxe
Xoguetes soviéticos, o primeiro filme animado soviético. De carácter propagandístico, esta baseado nas caricaturas políticas que Viktor Nikolaievich Deni realizaba para o xornal
Pravda.
Achegarémonos tamén a construtivismo co seu máximo expoñente, Sergei Mikhálovich
Eisenstein, autor do célebre
Acoirazado Potemkin. iniciado en 1927,
O vello e o novo pretendía promover as colectivizacións agrarias ao abeiro da Nova Política Económica na URSS. Mais o parón producido no filme por mor da realización de
Outubro fixo por que a política oficial soviética mudara e enfrontou a Eisenstein con Stalin. Deste xeito, mudou tamén o título orixinal (
A liña xeral) e o filme ficou relegado a un segundo plano na filmografía do realizador, considerabelmente menos coñecido que outros dos seus títulos. Porén, é un exemplo magnífico da aplicación das teorías da montaxe desenvolvidas por Eisenstein e da calidade do seu cinema.
O resto do mes de Outubro estará centrado na obra de Aleksandr Medvedkine, coa proxección do documental que sobre a súa figura realizara
Chris Marker,
A tumba de Alexandre (24 de Outubro), e, á seguinte semana, un filme deste director,
A felicidade (31 de Outubro).
Novembro antifranquistaO 7 de novembro, poderemos ver tres curtametraxes realizadas desde a oposición política á ditadura franquista:
Non se admite persoal de Antoni Lucchetti,
O cuarto poder de Helena Lumbreras e
Cantata de Santa María de Iquique de Lloréns Soler e Jaime Rodri). O 14 será proxectada unha gravación dun mitin do PCE que tivo lugar no exilio francés, realizada por Pere Portabella, Carles Durán, Manuel Esteban, Brigitte Dornés e o colectivo Dynadia de París, co título
París, 20 de xuño de 1971 (Mitin en Montreuil).
As dúas últimas sesións do mes proxectarase
Despois de..., de Cecilia Bartolomé e Juan José Bartolomé, que analiza o momento do primeiro postfranquismo e a restauración borbónica, coa primeira parte,
Non se vos pode deixar sós, o 21 de Novembro e a segunda,
Atado e ben atado, o 28.
O máis actual da sétima arte
Decembro é o mes dos grandes cineastas, cuxas súas propostas constitúen a máis actual modernidade do cinema: o día 5, a curtametraxe
O peirao, de Chris Marker, e o documental
A rabia, de
Pier Paolo Pasolini; unha semana despois, a última obra de
Víctor Erice,
La morte rouge, e o documental que fixeron para a RAI
Tonino Guerra e
Andrei Tarkovski,
Tempo de viaxe; e para despedir o outono, o 19 de Decembro , proxectarase
Natureza morta, o filme de
Jia Zhang-Ke premiado co León de Ouro no Festival de Venecia do ano 2006.
Todas as proxeccións, como a política do Cineclube, serán de entrada libre e gratuíta. Poden adquirirse abonos axuda para a colaboración económica, ou asociarse ao Cineclube. Os filmes serán todos presentados na súa versión orixinal e, na medida do posíbel, con subtítulos en galego.