Ao tempo, o goberno chinés trata de evitar que os tibetanos escoiten un programa semanal emitido vía satélite desde os Estados Unidos.
As emisións de Radio Free Asia e Voice of America son dúas das ferramentas con financiamento estadounidense que furan no espazo radiofónico e audiovisual chinés xa desde hai anos, achegando perspectivas diferentes ás estabelecidas polo goberno daquel país. Desde hai tempo, outro dos obxectivos da cobertura destes proxectos é o Tíbet, ocupado por China desde mediados do século pasado, e a propia administración chinesa despregou estacións de interferencia para limitar o máximo posíbel a recepción destes programas.
Esta semana, Radio Free Asia e Voice of America serán apenas dúas das oportunidades que os tibetanos terán para saber da medalla de ouro que o congreso estadounidense lle concederá ao Dalai Lama. En plena semana de celebración do XVII Congreso do Partido Comunista da China, o executivo chinés xa expresou o seu desagrado co recoñecemento outorgado ao Dalai Lama, quen desde os Estados Unidos lle quitou importancia ás queixas chinesas e, en declaracións aos medios, aproveitou para subliñar que no momento actual aposta por unha autonomía completa para o Tibet e non pola independencia.
Recomendámoslles as webs do goberno tibetano no exilio, Free Tibet e Tibet.org.