A escritora británica, autora d'O caderno dourado, xa conta con importantes premios no seu haber.
Doris Lessing
O Premio Nobel de Literatura deste ano recoñece a traxectoria da escritora británica Doris Lessing pola súa narración “épica da experiencia feminina, que con escepticismo, ardor e poder visionario someteu a escrutinio unha civilización dividida”, xustificou o xurado.
Lessing naceu no actual Irán en 1919. Filla dun oficial do exército británico, pasou parte da súa vida en África, na actual Cimbabue. Nos anos 60 converteuse nunha icona do feminismo coa publicación da súa novela O caderno dourado.
A piques de cumprir os 88 anos, a escritora amosouse moi sorprendida pola nova: “Xa gañei todos os premios en Europa e quedo moi contenta por iso”. De feito, xa conta co Príncipe de Asturias das Letras, o Somerset Maugham, o Premio do Estado Austríaco para a Literatura Europea, o David Cohen e o Médicis de Francia. Ademais, estivo tres veces nomeada para o Booker, o premio máis importante do Reino Unido.
Doris Lessing recibirá o Nobel de Literatura o 10 de decembro, xunto ao resto dos gañadores das modalidades do premio. O galardón está dotado con 10 millóns de coroas suecas, algo máis dun millón de euros.