Coa Xunta pagando a metade do custo das novas factorías e con espectaculares prognósticos de produción e beneficios, os empregados loitan por mellores condicións.
"Son resultados moi bos, pero que non reverten nas condicións económicas dos seus traballadores", laiábase este mércores Francisco Vilar, voceiro de Comisións Obreiras, ao fío da folga convocada nesa xornada nas cinco plantas acuícolas que a multinacional norueguesa Stolt Sea Farm ten en Galiza. O 85% dos 200 empregados da empresa no país secundaron o paro, en protesta polo recorte de soldos "xa de por si cativos" que reciben por traballar en condicións que cualifican de "moi duras".
Segundo explica o sindicalista, a manobra da empresa para a redución dos salarios pasa pola pretensión de eliminar a cantidade que perciben en concepto de antigüidade laboral, situando a todos os traballadores cunha categoría de peón. A redución ao cabo do ano por cada traballador chegaría até os 4 mil euros menos. Insisten os traballadores en que se trata dunha actitude "reprobábel" non só polos beneficios anuais de Stolt Sea Farm, 11 millóns de euros só en Galiza o ano pasado, senón tamén polas subvencións conseguidas na Xunta. Por este motivo, alén da folga de só unha hora que convocaron na mañá deste mércores, cavilan un calendario de paros se a empresa non dá marcha atrás.