Ana Miranda, membro do Consello Nacional do BNG e vicepresidenta da Alianza Libre Europea, intervén este martes no Comité das Nacións Unidas sobre Descolonización.
"Galiza ten unha profunda vocación internacional, pola súa diáspora presente en todo o mundo, e un compromiso cos dereitos dos pobos e en especial coa loita do pobo saharauí e da Fronte Polisario, a súa lexítima representación política". Así defendía Ana Miranda, ao tempo que viaxaba a Nova York, a súa participación este martes no IV Comité de Políticas Especiais e Descolonización, das Nacións Unidas.
"Non se pode deixar un pobo no deserto durante tres décadas tendo un país con recursos", laiouse Miranda. A representante do BNG acode a esta comisión xunto con outros cinco integrantes do Estado e en representación da Federación Estatal de Institucións Solidarias co Pobo Saharauí. A experta galega sinala que a ollada internacional cara ao Sáhara Occidental "ten que mudarse definitivamente", xa que "non se trata exclusivamente dun problema humanitario como se lle quere facer crer á opinión pública mundial, senón dun tema político de descolonización".
"É precisamente esta institución, a ONU, o lugar axeitado para a procura dunha solución pacífica", defende Ana Miranda. Por este motivo, na súa intervención insistirá na necesidade da celebración do referendo de autodeterminación que leve definitivamente "á descolonización do Sáhara Occidental".