Unha comisión investigadora do Congreso estadounidense segue acumulando probas sobre as prácticas da empresa Blackwater en Iraq.
Blackwater, a empresa fornecedora de servizos de seguridade en áreas de conflito, na práctica un xigantesco negocio capaz de ofrecer un exército integrado por milleiros de mercenarios, está sendo obxecto de investigación nos Estados Unidos.
Os EUA acaban de aprobar unha lei que vai facer posíbel que membros desta empresa dos que se probe que cometeron un crime en Iraq poidan ser procesados en tribunais estadounidenses. Traballadores da empresa en cuestión foron denunciados por presuntas prácticas agresivas en Iraq. De xeito concreto, a comisión investiga un tiroteo iniciado en Bagdad o pasado 16 de setembro por membros de Blackwater que rematou coa morte de once civís iraquís. O goberno Bush pagoulle arredor de mil millóns de dólares a esta empresa nos últimos tres anos. Cada axente-soldado de Blackwater cústalle ao executivo dos EUA até seis veces máis ca un soldado habitual. Froito destes grandes beneficios na privatización da guerra, conta coa maior base militar privada do planeta.