Moreda é homenaxeado este sábado na súa vila natal pola Asociación Ollamao, que quere que os seus veciños coñezan a unha persoa que ten tanto que contar. Vieiros falou con este histórico galeguista.
Antón Moreda e alguén alén de Antoñito de Doña Amadora. Antoñito de Doña Amadora é o nome co que o coñecían en San Miguel de Reinante, no Concello de Barreiros (Lugo), a vila na que naceu hai 73 anos. O sábado, ás 17:00 horas, ao pé da súa casa fanlle unha homenaxe. A Asociación Ollomao lembrouse del. Levaban moito tempo barallando a idea: "É unha persoa cunha relevancia fundamental na historia de Galiza e é inxusto e ben triste que ficara esquecido, ocultado... desvirtuado", díxolle a Vieiros Ana Ermida, membro da asociación.
Agora Antón Moreda vai vir de novo a Barreiros para descubrir unha placa na súa casa natal. Arrodeado de compañeiros do Consello da Mocedade, coma Luis González Foz, -agora secretario da asociación cultural Gaiola, que preside Moreda-; Ramón Muntxaraz da revista Gaiola Aberta; e escritores coma Margarita Ledo, -quen publicou un libro sobre Moreda, Porta Blindada; Xavier Cordal e Daniel Cortezón. Tamén se van achegar Bautista Álvarez, presidente da UPG e cofundador do Consello da Mocedade; Ramón Ermida, voceiro do BNG na comarca da Mariña; e Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova. Tamén estarán os membros d'A Quenlla e de Stranikki poñéndolle música á homenaxe.
Hai un pouco máis de 40 anos que Moreda vive no Centro Residencial e Rehabilitador San Rafael, en Castro e Ribeiras de Lea (Lugo), onde está dende que tiña uns 32 anos. Leva dende os primeiros 90 presidindo a Asociación Gaiola, que edita a revista Gaiola Aberta, realizada por un grupo de traballadores, traballadoras e persoas internas en centros de saúde mental de Galiza.
Antón Moreda mantén, dende que era un rapaz, un compromiso coa realidade nacional galega. Con 17 anos emigrou a Bos Aires onde cofundau as Mocedades Galeguistas. Volveu a Galiza, traballou na editorial Galaxia un tempo e logo cofunfou e foi secretario xeral do Consello da Mocidade de Galiza.
Falamos con el pouco antes de que collese a estrada, camiño de Barreiros.
Vieiros: Fixéronlle aínda algunhas homenaxes, mais que lle fagan unha na casa é distinto, non?
Antón Moreda: Si que o é. É entrañábel, porque me vou reunir coa familia e con moitos antigos compañeiros da infancia. Se a merezo non o sei. Que sexa cofundador do Consello da Mocidade sempre é unha boa carta de presentación, pero non creo que sexa nada extraordinario. Iso si, foi importantísimo, porque que en 1963 nos puxéramos de acordo unhas 30 persoas pertencentes a 30 organizacións distintas, sabendo que había que facer algo e tendo as cousas claras é de destacar. Eramos moitos e estabamos de acordo. Había moitas figuras que despois destacaron.
V: E cre que agora podería acontecer unha cousa así no nacionalismo galego, que as diversas partes se puxeran de acordo?
Os de Causa Galiza puxéronse de acordo, non? Eu creo que o que hai que facer, no canto de buscar diferencias, é buscar puntos de encontro. Naquela altura nós tiñamos como causa máxima Galiza. Despois daquilo comezaron as discusións, as diferencias e os distintos partidos nacionalistas. Hoxe tamén os hai, distintos partidos dentro do nacionalismo; uns máis de dereitas, outros máis de esquerdas, e logo os do centro. O que hai son varios problemas que habería que resolver, problemas seculares do galeguismo. Cando cheguei a Galiza de Bos Aires comecei a colaborar na editorial Galaxia, pero botei pouco tempo, porque aquel proxecto non era o que a min me interesaba. Era máis cultural e eu viña formado nun ambiente onde a política era o máis importante.
Non se pode ir convencendo ás persoas, unha a unha, de que Galiza é unha nación que debe procurar a súa independencia. Temos que buscar causas, lemas que teñamos en común, e pensar que imos mellorar se conseguimos isto e aquilo.
As cousas non van adiante polas grandes diferencias que hai. Por exemplo, o terceiro tento de reformular o Estatuto tamén fracasou, porque aínda segue vixente a vella dereita, que espero que se desfaga algún día.
Ao meu ver habería que defender as cousas do país, por exemplo, a economía. As pequenas empresas están moi mal, e as que non, son mercadas polos cataláns, por exemplo. E as grandes fábricas, están hoxe aquí e mañá noutro lado. Eu creo que a solución pasa por defender o cooperativismo, que é a solución perfecta entre o marxismo dogmático e o liberalismo económico. É a solución xusta para Galiza. O que acontece é que as aldeas de onde tiña que saír a xente para montar as cooperativas, están a esmorecer.
En canto aos movementos sociais e políticos en Galiza, noto que ultimamente hai máis unión, que vamos deixando atrás os matices máis virulentos e os individualismos van desaparecendo ao tempo que se manifesta a alma colectiva. Pasou co Prestige e está a pasar agora con Reganosa, a través das moi necesarias plataformas de cidadáns. Que a xente se non se estimula non se move. Hai cousas que aínda me dan esperanza. Son optimista.
Naquela altura, cando vostedes fundaron o Consello da Mocedade -A Coruña, 1963-, como fixeron para se reunir, ás costas dun réxime que estaba moi vivo?
Foi moi difícil. Había medo e tardamos en poñernos de acordo. Non tiñamos conventos para nos reunir como os vascos, e xuntabámonos nos bares. Era unha época moi tensa, pero nós saímos adiante.
E agora, como é a súa vida no centro residencial?
Levo aquí máis de 40 anos e non lla recomendo a ninguén. E iso que eu teño un status privilexiado. Atendo a biblioteca e estudo. Licencieime na USC para maiores de 50 anos e agora estou preparando un traballo sobre o Consello de Galiza e a ver se me dan un título académico para persoas maiores.
A verdade é que gozo dunha liberdade case plena, superior á das persoas chamadas normais. Se eu falo e opino das cousas poden pensar "Está tolo!" e eu non busco un psiquiatra que me diga o contrario. O da tolemia é ben relativo.
Sigo aquí despois de 40 anos porque simplemente penso, para estar peor fóra, mellor estou aquí.