Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
'VIVAMOS COMO GALEGOS' ARRASA NO YOUTUBE

As claves do anuncio galego da tempada

Ultimamente parece que todo o que se comunique en galego ten un transfundo político. Non nos diriximos aos políticos ou aos lingüistas; dirixímonos á xente” di o director de marketing de Gadisa.

Manuel Vilas - 16:33 05/10/2007
Gadisa di non terse inspirado en 'Braveheart'

Gadisa di non terse inspirado en 'Braveheart'

Comezouse a emitir o luns e este venres xa está na boca de todos. É “Vivamos como galegos”, a nova campaña dos Gadis , unha épica aposta publicitaria que, por vez primeira, explota os elementos de identidade do país para atraer clientes a un supermercado.

Triunfa na rede galega
O seu éxito parece ser tal que o 'microsite' converteuse na ligazón máis popular da semana en Chuza!, a rede social de referencia en Galiza. Ademais, o anuncio, realizado por BAP&Conde, xa foi subido polo menos tres veces ao You Tube, onde o viron máis de dúas mil persoas. Parece estar literalmente en todas partes, na televisión, na prensa, na rede, en cines e mesmo como banda sonora en pubs e discotecas.

Pero que ten de especial esta campaña? A súa mestura dun discurso tipo Braveheart cos tópicos do país? Está Gadisa tentando a mantenta empregar un discurso semellante ao nacionalismo con fins comerciais? Abordamos estas e outras preguntas cun dos responsábeis da campaña, Antonio Cortés Lobato, director de marketing da empresa:

Vieiros: Cal é o obxectivo da campaña, trata de reforzar a marca 'Gadis' como algo propio e próximo?
A. Cortés: Co anuncio queremos dicirlle ós nosos clientes que os coñecemos mellor que ninguén e que estamos en condicións de satisfacelos, polo feito de ser una empresa 100% galega, e porque somos os que máis establecementos temos. Fixémola produción da campaña integramente en galego porque pensamos que así se mantén unha homoxeneidade na comunicación. Tamén insistimos en que as voces tivesen unha fonética galega apropiada. É certo que outras campañas facémolas en castelán, pois tamén operamos fora da comunidade.

A campaña apela a unha serie de valores da cultura galega, o cal é algo bastante novidoso no mercado publicitario...
Efectivamente, queríamos reforzar o vínculo emocional recordándolle ós galegos o excepcional da súa forma de vida, do seu medio natural, dos seus costumes, da súa cultura...

Pero os valores galegos, ou a 'marca Galicia', son útiles para vender alimentos?
Sen dúbida, o que pretendemos é potenciar o valor da marca galega dentro e fóra da Comunidade e compartila con tódalas empresas, cooperativas e pequenos produtores.

Parece que o 'spot' ten algunha similitude co filme Braveheart, inspiráronse nel?
Non, non foi unha fonte de inspiración, simplemente nos pareceu un estilo rechamante e creativo de comunicar que decidimos utilizar.

Non teme que o 'slogan', Vivamos como galegos, acabe sendo empregado por algunha tendencia política, ou que se asocie a Gadis directamente co nacionalismo?
Ultimamente parece que todo o que se comunique en galego ten un transfundo político. Nós non nos diriximos aos políticos ou aos lingüistas; dirixímonos á xente, ós galegos en xeral, falen ou non en galego.

Sabían que xa hai tres copias do anuncio no You Tube? É internet un soporte útil para lograr impacto nunha campaña así?
Os que traballamos con publicidade temos que mirar cara adiante e somos moitos os que utilizamos internet de forma cotiá para comunicarnos porque é unha vía excepcional para facelo. Sobre todo porque internet permite 'un feedback' máis efectivo, as respostas dos consumidores aos anuncios chegan máis rápido pola rede, podes saber de inmediato se está a ter éxito.


4,95/5 (44 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: