O manual nace para conservar o patrimonio lingüístico e ambiental, recollendo termos, palabras e expresións populares que definen a paisaxe de Galiza.
A Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e a Real Academia Galega (RAG) van traballar conxuntamente na elaboración do primeiro dicionario sobre a paisaxe de Galiza, no que van recoller os termos, palabras e expresións populares que definen a riqueza do patrimonio natural do noso país.
A partir de agora ámbalas dúas entidades van colaborar na investigación e busca semántica dos termos, xiros lingüísticos e localismos, así como a estruturación, redacción e maquetación do novo dicionario.
O primeiro dicionario da paisaxe galega
O manual será o primeiro deste tipo no que se recollen as voces galegas relacionadas coa paisaxe e se establecen os seus conceptos. Son palabras moi arraigadas na sociedade, que dan mostra da vinculación histórica entre o home e a paisaxe, chegando a ser símbolo da identidade galega, que moitas veces son esquecidas no día a día. A obra servirá para usar correctamente a terminoloxía propia relacionada coa paisaxe, e con ela preténdese preservar dunha soa vez o patrimonio lingüístico e ambiental.
O dicionario editarase en papel e difundirase a través da páxina da Consellaría de Medio Ambiente. Cada termo aparecerá acompañado dunha fotografía que axude a identificalo.