A Consellaría de Cultura e Deporte, en colaboración coa Asociación Galega de Editores, organiza o expositor que ficará alí até o venres 5.
Empresas como Baía Edicións, a recentemente premiada Faktoría K, Hércules de Ediciones, Alvarellos Editora, Toxosoutos, Edicións Embora, Rodeira-Edebé, Lóstrego, Edicións Positivas, Primera Persona e Edicións Xerais participan neste expositor de Cultura e da AELG. Con stand de seu estarán tamén presentes OQO, Nova Galicia Edicións e Kalandraka, que, como Faktoría K, obtivo o premio estatal de edición.
Na feira estará presente o director xeral de Creación e Difusión Cultural. Paralelamente, a escritora Teresa Moure impartirá a conferencia "Por unha nova estética da natureza" este xoves ás 19.30 horas na Facultade de Filoloxía da Universidade de Barcelona. Ao día seguinte, á mesma hora, Moure dará unha nova charla "Sobre a maternidade no novo milenio", no Centro de Cultura de Dones Francesca Bonnemaison.
Nestes momentos, o libro galego xa estivo presente en Montevideo (Uruguai), e estrearase tamén na de Guadalajara (México). Prevé participar tamén neste Liber de Barcelona, na de Frankfurt (Alemaña), na da Habana (Cuba), na de Bos Aires (Arxentina) e na de Boloña (Italia). Tamén asistirá por primeira vez unha delegación galega á feira de Londres e á Bienal de Rio de Janeiro, de xeito que estude o interese destas feiras para asistiren as industrias editoriais galegas en citas vindeiras.
Readgalicia.com
Será en Frankfurt, a mediados deste mes, onde se presente o catálogo en liña (en galego, inglés e castelán) Readgalicia.com. É un catálogo de dereitos que ofrece unha selección de case 200 obras da literatura galega actual. As fichas de información sobre as obras inclúen fragmentos coa súa correspondente tradución ao inglés e datos de contacto de cara a futuras colaboracións.