Fernando Pérez-Barreiro Nolla centra a conmemoración central do Día da Tradución, este mércores 3, ás 19.00, no Auditorio de Galicia.
O evento, organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación (AGPTI) estará conducido pola poeta Eva Veiga, e contará coa asistencia da conselleira de Cultura e Deporte. Ánxela Bugallo, e do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará. Pechará cunha actuación do Trío Lira.
Xa o xoves 27 se desenvolveu unha mesa redonda sobre a interpretación que congregou a Laura Santos Suárez, tradutora xurada e intérprete de AGTPI, Maribel del Pozo, profesora do Departamento de Tradución na Universidade de Vigo, e Xosé Manuel Garrido Vilariño, profesor do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo.
A literatura mundial escrita en galego por Fernando Pérez-Barreiro Nolla
O ferrolán Fernando Pérez-Barreiro Nolla naceu no 31 e vive en Londres dende o 63. É licenciado en Dereito (Universidade de Santiago de Compostela), e BA (First Class Honours) en Lingua e Literatura Chinesas (Polytechnic of Central London). A súa traxectoria sempre estivo ligada ás linguas internacionais como redactor, realizador e locutor dos Servizos Exteriores da BBC de Londres, como xefe dos Servizos de Tradución da Organización Internacional do Café (Londres) e como profesor de tradución nas Universidades de Westminster e Thames Valley. Foi a primeira persoa que traduciu do galego ao chinés -e viceversa-.
Na actualidade é membro do Consello Asesor do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) e correspondente da Real Academia Galega. Entre as súas publicacións destacan a relatorio "Irlanda e as novas formas da vida internacional", na I Conferencia anual Plácido Castro, "Plácido Castro e o problema político de Irlanda" (en Grial), a tradución de Shakespeare A traxedia de Macbeth, Flores e leña (Panorama e antoloxía de narracións chinesas contemporáneas), "A transliteración do chinés" (na revista "Viceversa" da Universidade de Vigo), Breviario do pensamento clásico chinés (na biblioteca virtual Bivir), e é coautor do Libro Branco da Acción Exterior de Galicia (Xunta de Galicia, 2004).