A mocidade ten á súa disposición actividades alternativas para pasar o tempo de lecer.
O centro de lecer Portaberta, de Santa Cruz de Oleiros, abre o mes de outubro cunha semana chea de actividades, algunhas delas non moi habituais. O obxectivo é ofrecer un espazo de diversión para a mocidade mediante xornadas temáticas. Deste xeito, o luns estará dedicado ao Pictionary, o martes a un obradoiro de reciclaxe de papel e o mércores disputarase un campionato de pulso galego.
O responsábel do centro, Pedro Brandariz, explicou que as actividades dos mércores pretenden introducir unha competición de tipo deportivo que resulte orixinal. Neste contexto, xa se teñen disputado carreiras de chapas ou xogos de cartas. O pulso galego, a diferenza doutras modalidades, permite empregar todo o corpo, e non só os brazos, polo que a maña ten moita importancia ademais da forza.
As actividades de Portaberta teñen “un claro compromiso coa cultura galega”, dixo Brandariz. Por iso, preténdense recuperar xogos tradicionais como alternativa aos divertimentos da era da informática. “Son entretidos e non necesitan enchufe”. Así, o venres, a partir das oito do serán, disputarase unha pachanga de brilé, xogo de pelota que se practicará no exterior do centro.
O xoves será a quenda de “Trae a túa música”. Os participantes poderán levar ao centro as súas cancións preferidas e farán unha análise a fondo das cancións, dende os ritmos máis populares como o reggaeton até propostas máis alternativas. Para rematar a semana, o sábado ás seis proxectarase un filme de temática xuvenil e contido social para dar pé a un posterior foro de debate.
Todas as actividades dan comezo ás sete do serán, agás o cinema e o brilé. O centro, que abriu no mes de maio, recibe unha media de corenta persoas de luns a venres, cifra que aumenta nas fins de semana. Nos actos participan unhas trinta persoas.