Rojadirecta.com é un dos portais máis populares entre os sitios web elaborados dende Galiza. O seu creador non se deixa intimidar e segue a publicar ligazóns.
A imaxe do árbitro Colina é o logo da web
Á marxe das webs dos xornais e das institucións, Rojadirecta.com é un dos sitios máis populares entre os feitos no país. Agora mesmo está entre as 400 páxinas máis visitadas no Estado do 'ranking' Alexa. A razón de tal éxito é simple: publicar ligazóns a programas de P2P para ver en directo e gratis acontecementos deportivos, moitos deles de pago na televisión 'normal'.
Con todo, o éxito tróuselle serios problemas ao creador do sitio, un rapaz da comarca da Coruña. E é que Audiovisual Sport -firma do grupo PRISA que ten parte dos dereitos do fútbol español- presentou unha demanda penal contra el. A acusación, suposto delito contra a propiedade intelectual.
Tvmix cedeu fronte PRISA
O webmaster deféndese argumentando que “Rojadirecta só publica texto e enlaces externos a canles que non xestiona ela”. E é que a páxina limítase enlazar canles de televisión e dar os horarios dos partidos. Son os internatuas os que empregan aplicacións de p2p, como o popular Sopcast, para seguir os encontros.
Audiovisual Sport continúa co preito pois cunha demanda igual logrou que Tvmix.net, un portal similar a Rojadirecta, deixara de publicar os enlaces.
Non se deixa intimidar
Non é caso do webmaster galego. Nun comunicado adiantou a súa “intención de seguir ofrecendo a programación dos partidos da Liga española e da Copa do Rei”. Para el a demanda é unha simple “táctica intimidatoria”.
O éxito de webs como Rojadirecta mostra como está a mudar o multimillonario mercado dos dereitos do fútbol. Os clubs cada vez teñen máis difícil de vender eses dereitos para un estado determinado.
E é que os seareiros son quen de capturar a sinal da televisión nos seus computadores e compartila con todo o mundo nos programas de p2p tv. Polo de agora, a calidade da imaxe non é moi elevada, sobre todo nos eventos con pouca audiencia.
Como se di penalti en chinés?
Porén, a través de páxinas como Rojadirecta milleiros de internautas estanse a apuntar a moda do vídeo en directo, co que a calidade da imaxe aumenta proporcionalmente. O único problema é que nas redes p2p en directo a maioría das canles son do Extremo Oriente. É dicir, pódense ver gratis os partidos do Deportivo, pero os goles son cantados en chinés.