Cos votos a favor de BNG e PSdeG e a abstención do PPdeG.
A deputada do BNG Ana Pontón
O Parlamento, cos votos a favor de BNG e PSdeG e a abstención do PPdeG, reclamou este mércores á Xunta que propoña ante o Consello Interterritorial do Sistema Xeral de Saúde que a Seguridade Social asuma o custo dos procesos de reasignación de sexo das persoas transexuais.
A proposición non de lei presentada pola nacionalista Ana Pontón demandaba en principio crear unha unidade interdisciplinar no sistema sanitario público de Galiza que incluíse tratamento "psicolóxico, endócrino, cirúrxico e psicoterapéutico para que no Sergas se realice todo o proceso para a reasignación de sexo". No entanto, a iniciativa foi transaccionada polo PSdeG para eliminar as referencias ao Sergas.
Ademais, na proposición se esixe a posta en marcha de medidas para evitar discriminacións laborais por ser transexual, e pide o desenvolvemento de campañas de sensibilización social ao respecto.