Todos os grupos parlamentarios apoiaron o texto de Izquierda Unida, agás o Partido Popular, que votou en contra.
O Congreso dos Deputados instou o goberno español a colaborar coa Xunta na declaración de Ben de Interese Cultural para o Pazo de Meirás. A proposición non de lei partiu de Izquierda Unida e recibiu 181 votos a favor, dúas abstencións e 122 en contra, todos eles do Partido Popular.
Aínda que nun principio os autores da proposta querían que se inventariase todo o patrimonio público que pasou a mans da familia Franco para a súa recuperación, o grupo socialista acordou con IU limitar a petición á colaboración co Goberno no proceso de declaración do Pazo de Meirás.
Os populares votaron en contra argumentando que a Xunta non precisa da axuda do goberno español, que non se poden facer leis contra particulares, aínda que sexa a familia Franco, e que non hai razón para que se tomen estas medidas 32 anos despois da morte do ditador.