A Garda Civil investiga o incidente para determinar con exactitude a súa composición, así como a autoría dos feitos.
Un colector de recollida de vidro situado na parroquia de Meá, no municipio de Mugardos, fixo explosión ás 3.10 horas deste martes como consecuencia dun artefacto colocado no seu interior, segundo fontes da Garda Civil citadas por axencias.
Estas mesmas fontes sinalaron que o artefacto colocado na zona próxima á regasificadora de Reganosa, podería estar composto por «pólvora de feira», aínda que continúan as investigacións para determinar con exactitude a composición do mesmo e a autoría dos feitos.
O recipiente quedou totalmente destruído e os seus restos esparexidos nun radio duns 60 metros. Un equipo de desactivación de explosivos achegouse até a zona.
A presidenta da Asociación de Veciños de Meá, Luz Mariña Torrente, en declaracións a Efe, sinalou: "Non sabemos se foi unha canallada ou un acto terrorista, mais queremos saber o que pasou, esperamos que sexa unha investigación rápida e precisa, porque o susto xa non nolo quita ninguén".
A explosión tivo lugar na zona coñecida como o Mesón da Pedreira, na estrada xeral de Fene a Mugardos, xusto á altura dunha das pancartas de protesta colocadas polos veciños onde se indica que se entra "en zona de alerta" pola presenza de Reganosa.