Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Álvaro Pino, director técnico do Karpin Galicia

"Prefiro os cartos xustos para adestrar a canteira que millóns para fichar unha figura"

Está moi contento co traballo feito polo equipo que dirixe. Agora falou con Vieiros das expectativas do equipo profesional galego.

A. Rodríguez - 09:30 25/09/2007
Cando era ciclista profesional

Cando era ciclista profesional

Ninguén pode negar que o Karpin Galicia foi o equipo revelación desta Vuelta. Quedou sétimo, moi por riba de moitos dos mellores equipos do mundo, da UCI Pro Tour. Dous dos seus homes apareceron, pode ser que por primeira vez, nas bocas de moitos comentaristas deportivos: Serafín Martínez, na seu primeiro ano como profesional foi á Vuelta e desafiou a moitos dos grandes, estando nove días no podio de montaña; e Ezequiel Mosquera ficou quinto na clasificación xeral, exercendo como líder dun equipo que o apoiou até o final.

Os obxectivos deportivos que marcaran até o de agora están cumpridos. Os do ano que vén pasan por recompoñer o cadro de corredores e tentar facer outra gran volta por etapas, chegando aos niveis da rolda española -podería ser o Giro, pero Pino veo complicado.

Vieiros: Faríanos un balance da actuación do Karpin Galicia nesta 'Vuelta'? Está contento co traballo feito polos seus?
Álvaro Pino: O balance é evidentemente moi positivo. Os obxectivos que marcaramos a comezo da tempada están cumpridos e os resultados están moi por riba das expectativas que eu tiña, como director, ao comezo da Vuelta. Queriamos estar nas escapadas, ser un equipo combativo e ser un pouco protagonistas cada día, e conseguimos estar no 90% das escapadas que houbo en 21 etapas. Ademais diso, tivemos o privilexio de levar varios días seguidos o mailló de líder de montaña e estar no podio todos eses días... e metemos un corredor dos nosos entre os 5 mellores da rolda.

Se tivera que poñerlle ao KGZ unha nota como equipo, sería un 10. En canto a resultados e rendemento deportivo, poríalle un 8.

V: Son conscientes no KGZ das expectativas que crearon nos galegos durante toda a rolda española?
A. P.: Os primeiros días, nas primeiras etapas, as galegas -xa o temos comentado varias veces cando estamos todos xuntos-, había moitísima expectación entre os galegos. Todo o mundo estaba entregado. Nestas etapas é onde máis xente houbo, nas saídas e nas chegadas.

Agora non sei como andan as cousas, porque acabamos de chegar. Sabiamos do interese que tiña a xente no noso equipo, mais aínda non sabemos até onde chega. Fomos preguntando á xente que repercusión tivo a actuación do KGZ cada día e creo que conseguimos que estivese moita xente pendente.

V: A idea de crear un equipo profesional galego xa andaba no seu maxín aló polo 1991. Ve agora os seus soños cumpridos?
A. P.: Gran parte deles. Naquela altura, en 1991, barallaba a idea de crear un equipo ciclista galego. O obxectivo era que o equipo arrincase e estabamos moi preto de sacalo para adiante. Non daba saído, e ao final, cando xa tiña a idea descartada, cando menos o agardaba, apareceu Santiago Domínguez, daquela director xeral para o Deporte, e falou comigo para que colaborase neste proxecto e o puxese en marcha. Pódese dicir que neste sentido está un pouco cumprido o meu soño: hai un equipo profesional galego que acaba de terminar a tempada, cumpriu, e os resultados acompañaron.

V: Un dos seus corredores acabou 5º na xeral. Mosquera, un ciclista que di que non ten alma de líder. Cre que o equipo estivo á altura, apoiando a Mosquera?

A. P.: O equipo estivo á altura, diso estou seguro. O que ten que facer Ezequiel é crelo un pouco máis. Cando nós fixemos unha aposta por el, eu xa sabía que era un corredor moi regular que nunca tiña corrido unha volta de 3 semanas; pero ten madeira de líder. Quizás lle falta un pouco máis de confianza, aínda que agora se cadra volve cun pouco máis da que tiña ao comezar a Vuelta.

Ezequiel vía o equipo rendido ante el e, aínda que non ten un carácter que lle faga mandar, -porque un líder ten que saber tomar decisións puntuais, independentemente das que tomemos os directores deportivos dende o coche, que son máis tácticas-, ten madeira de campión e de líder. Só ten que ir dándose conta pouco a pouco. Agora ten que reflexionar, analizar os resultados... el os seus, e o resto dos corredores os seus propios.

V: Está satisfeito do traballo feito polos corredores máis novos, os que ían por primeira vez á Vuelta?
A. P.: Aínda que non me gusta xeralizar e xa lle puxen un 10 ao equipo enteiro, creo que por exemplo Serafín Martínez, que é, por primeiro ano, profesional, fixo un papel extraordinario, loitando entre os mellores. Ao comezo tiñamos a idea de que fose probar, e que non terminase a rolda, mais mentres estivo non pasou desapercibido, senón todo o contrario.

Cos nosos ciclistas máis novos, aínda que non corresen na Vuelta, estamos tamén moi contentos. Están a se adaptar máis de présa á categoría do que agardabamos. O seu rendemento é moi bo e participar neste tipo de roldas dálles moita confianza e axúdalles a medrar deportivamente.

V: Agora o KGZ vai parar un pouco, pero a finais de outubro xa se van coñecer os nomes das novas incorporacións do equipo. Como ve a canteira galega, de entre a que sairán os novos corredores do Karpin Galicia?

A. P.: A próxima semana xa nos imos reunir para dilucidar as baixas e as novas incorporacións. Os nomes dos corredores amateur que pasarán a facer parte do noso cadro darémolos a coñecer a finais de outubro, comezos de novembro.

Convocamos uns 15 corredores amaters a varios adestramentos puntuais, para ver como traballaban, e notouse un pulo moi importante nos corredores que acudiron á convocatoria. Os corredores máis novos están ilusionados e xa o dicía o presidente da federación onte, na recepción que nos deron dende Deporte, que se están a facer cada vez máis licenzas.

Un dos obxectivos do KGZ é pensar alén dos profesionais, na canteira e no ciclismo galego. Traballamos dende a base, para que o día de mañá haxa cantos máis profesionais, mellor.

V: Entón, hai en Galiza unha outra saída no ciclismo profesional? Xa non hai que ir a Portugal para competir noutro nivel?
Gran parte dos ciclistas que corren agora no KGZ rescatámolos en Portugal, onde competían a nivel profesional. O que queremos é darlle unha oportunidade aos rapaces, mais non podemos pasar a todo o mundo. O noso cadro ten 19 ou 20 corredores, como moito. Non hai lugar para todos, pero pouco a pouco. Os corredores galegos saben que a porta está aberta e, aínda que non poden entrar por ela todos á vez, cada ano 2, 3 ou 4 ciclistas teñen a oportunidade de correr no KGZ. É unha dinámica que xa está a funcionar.

V: Como se ve a Vuelta como director deportivo dun equipo? Moi diferente que como corredor?
A. P.: Son etapas da vida totalmente distintas. Cando vas de corredor a unha grande, vas metido nunha burbulla con todo feito e con moita axuda de todo o mundo. Ti só tes que realizar o esforzo de conseguir os obxectivos marcados. O corredor deixa as pernas, mais ao director deportivo dóelle a cabeza de pensar. Son dúas etapas ben distintas, pero igual de apaixonantes, se che gusta isto. E a min gústame.

V: Se tivese un cheque ilimitado, a quen querería fichar para o KGZ?
A. P.: A verdade é que non estou obsesionado con iso. Tiven a oportunidade de adestrar algún dos mellores corredores do mundo, nos equipos máis prestixiosos, pero o meu soño era este, traballar pola xente nova que chama á porta, e está cumprido. Prefiro ter un orzamento máis ou menos axeitado para ir dándolle oportunidades á xente nova, que ter moitísimos cartos para fichar unha grandísima figura. Estou contento co equipo e co labor que eu teño.

Mais se falamos de fichar, eu ficharía a Pereiro, porque é galego... se lle puidésemos ofrecer o calendario que el merece.


5/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha imaxe de preto de Pino, xa como director técnico do KGZ
Unha imaxe de preto de Pino, xa como director técnico do KGZ
Asinando autógrafos na etapa final da Vuelta, cando baixou do coche
Asinando autógrafos na etapa final da Vuelta, cando baixou do coche
Metido no automóbil no que seguía os seus corredores e do que non baixou en toda a Vuelta
Metido no automóbil no que seguía os seus corredores e do que non baixou en toda a Vuelta
No medio, entre Jesús Blanco e José Angel Vidal os outros dous directores deportivos do KGZ
No medio, entre Jesús Blanco e José Angel Vidal os outros dous directores deportivos do KGZ
Dando unha palestra, con varios membros do equipo, nunhas xornadas de formación en Gandarío
Dando unha palestra, con varios membros do equipo, nunhas xornadas de formación en Gandarío