Este luns comezan na Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra, A Mariña e Ourense seminarios e conferencias sobre o mundo da educación.
Co comezo do curso comezan tamén as actividades formativas para quen xa rematou a súa etapa de estudantes. A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e CIG Ensino organizan xornadas pedagóxicas repartidas por todo o país.
Do 24 ao 29 de setembro desenvólvense na Coruña, no IES Ánxel Casal de Monte Alto, as XXXI Xornadas do Ensino da AS-PG. A conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, pronunciará a conferencia inaugural, ás catro e media, sobre a humanización do territorio desde o sistema educativo. Despois comezarán os obradoiros, onde as novas tecnoloxías cobran protagonismo. O mundo dos blogs e os podcast serán os temas de tres das actividades formativas. Tamén se impartirán un obradoiro de papiroflexia, outro de teatro e un máis de traballo por proxectos. A última hora do serán desenvolveranse conferencias e, o sábado á mañá, un percorrido guiado pola cidade.
A Facultade de Ciencias da Educación de Compostela será o lugar de desenvolvemento dos XVI Encontros Pedagóxicos, organizados por CIG Ensino, do 24 ao 29. A conferencia de inauguración, sobre o traballo por proxectos, pronunciaraa o profesor Xulio Rodríguez. Pola tarde desenvolveranse os diferentes obradoiros: de papiroflexia, de elaboración de recursos para a área de inglés en infantil e primaria, de teatro, de literatura e de novas tecnoloxías. A última hora do martes actuará o contacontos Avelino González, o mércores dará unha conferencia Anxo Louzao, secretario nacional do sindicato, o xoves presentarase o libro-disco de Susana Rei Martiño e o mar e o venres desenvolverase unha visita guiada por Santiago.
A mesma semana impártense en Ferrol, no IES Concepción Arenal, os XVIII Encontros (Eco)pedagóxicos de Ferrolterra, onde se tratarán asuntos como a agricultura ecolóxica, o tratamento de residuos, o cambio climático, os biocombustíbeis, o aforro enerxético ou o territorio e a vivenda. Nas conferencias participarán expertos na materia e membros dos grupos ecoloxistas Adega e Verdegaia.
En Pontevedra, no Pazo da Cultura, ten lugar a XIX Semana da Educación. Carlos Callón, presidente da Mesa, pronunciará a conferencia inaugural, sobre o novo decreto de normalización lingüística. Ofreceranse os obradoiros optativos de percusión, achegamento ao construtivismo, dinámicas de grupo e resolución de conflitos, e construción e montaxe de monicreques na aula. O acto de clausura tratará sobre a arte de contar contos.
O IES Porta da Auga, de Ribadeo, acolle os XV Encontros Pedagóxicos da Mariña Luguesa, entre o o luns e o xoves, con obradoiros de convivencia escolar, cultura tradicional, novas tecnoloxías -dedicado ao xestor de contidos Drupal-, e presentarase o proxecto para para o fomento do uso do galego do IES de Alfoz. Tamén haberá unha visita cultural en lancha polo río Eo e conferencias de inauguración e clausura.
En Ourense, no IES Otero Pedrayo, do 24 ao 28, organízanse os XV Encontros, con seminarios de expresión corporal e oral, organización de bibliotecas escolares, aprendizaxe afectiva da lingua, iniciación á fotografía dixital e orientación na escola.