Ezequiel Mosquera, quinto na xeral, e un máis que meritorio séptimo posto na clasificación por equipos referendan o sensacional debú do equipo galego.
Tal e como se agardaba, a última xornada da Vuelta non deparou sorpresas. O italiano Daniele Benetti conseguiu a vitoria nunha etapa de trámite con chegada en sprint. O ruso Denis Menchov foi o xusto mailló amarelo dunha proba que gaña por segunda vez. Carlos Sastre e Samuel Sánchez acompañárono no podio final.
Un notábel ben alto, esta é a nota que podería poñérselle ao Karpin Galicia logo da súa brillante estrea na Vuelta. O equipo galego volve de Madrid cos obxectivos máis que cumpridos. Un séptimo posto na clasificación por equipos (de 21 clubes participantes) e a quinta praza na xeral para Ezequiel Mosquera son probas elocuentes para calibrar o potencial que ten o KGZ. A isto hai que sumar as nove xornadas no podio da Montaña. Poucos dubidan que o equipo do noso país foi unha auténtica revelación na gran proba.
Tan axiña como rematen os compromisos en Madrid, os deportistas farán as maletas para regresar en vehículos particulares a Galiza. Como explicaban dende o equipo, “ despois de tres semanas a xente ten moitas ganas de chegar e ver á familia”, sinalaban responsábeis do KGZ. Mais o descanso durará poucas horas. Este luns a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e a directora xeral de Deporte, Marta Souto, recibirán en Compostela ao corredores e técnicos.
Clasificación Xeral
1-D.Menchov
2-Carlos Sastre
3-Samuel Sánchez
4-C. Evans
5-Ezequiel Mosquera
Clasificación por Equipos
1-C.D'Erpagne
2-Euskaltel
3-AGR2
4-CSC
5-Liquigas
6-Cofidis
7-Karpin Galicia