Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
apoio a S.O.S. Courel

Acto en Vigo para a conservación do Courel.

O vindeiro domingo 23 de setembro de 11:00 h. a 14:00 h. a Plataforma “A ría non se vende” organiza un acto lúdico-reivindicativo terá lugar na pista de patinaxe de Samil para solicitar a correcta conservación da Serra do Courel

Plataforma "A Ría non se Vende" - 11:52 21/09/2007
Tags:

Este acto contará coa presenza de membros de S.O.S. Courel que lerán un manifesto no que se explicarán os problemas graves que está a sofrer este valioso espazo natural, repartirase material informativo sobre o Courel, e haberá músicos e animación de rúa para facer que o acto sexa de protesta “animada”.

A Serra do Courel atópase en estado de emerxencia a causa dunha política cada día máis incomprensible por parte da administración galega. O Consello da Xunta vén de darlle autorización urbanística á Campa no Courel sur, canteira explotada pola empresa mineira Cupire Padesa.

Esta canteira iniciou a súa actividade fai 18 anos, sen autorización autonómica, sen licencia municipal e sen facer unha avaliación de impacto ambiental. No 2002 emitiuse unha orde de paralización pola Dirección Xeral de urbanismo que foi ratificada no 2006 por sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. No lugar de paralizar esta canteira, a Xunta dalle autorización urbanística , cousa sorprendente porque a zona está cualificada como solo rústico especialmente protexido e polo tanto debería terse en conta a compatibilidade cos valores naturais ambientais e paisaxísticos e ademáis debemos ter en conta que iso é legalizar unha situación de irregularidade que se mantivo durante moitos anos e sentar un procedente para outras canteiras que estean en situacións similares.

A día de hoxe, sobre O Courel hai varios proxectos futuros de explotación, 54 expedientes mineiros en total e boa parte dos mesmos en terreos da Rede Natura.

A Campa afecta hábitats de interese comunitario e destrúe comunidades de extraordinario valor e calidade biolóxica, únicas dentro da Galiza e do Estado, incluÍdos nas directivas europeas de conservación.

A Xunta vén de reducir o Parque Natural previsto a menos dun sétimo do Macizo Montañoso do Courel, deixando o resto do territorio a mercé dos intereses empresariais.
.
Pretenden impoñernos ós seus falsos argumentos económicos coa promesa de postos de traballo e reducir o problema ó das gañancias económicas fronte á defensa dos valores naturais, e para nada teñen en conta que é totalmente factible un desenvolvemento económico compatible coa conservación do espazo.

Esiximos unha forte aposta da administración por outras actividades compatibles cos valores naturais do contorno. Desde a plataforma “A ría non se vende” facemos un chamamento en solidariedade coa asociación SOS Courel, para participar na súa campaña de defensa da serra cando máis o precisa. Animamos a tod@s a participar nesta loita, que é a nosa loita, O COUREL é de tod@s e é o noso dereito e deber defender e traballar pola súa conservación.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: