Miles de estadounidenses denuncian nas rúas de Jena (Louisiana) o "racismo" dos tribunais deste estado sureño.
Miles de estadounidenses saíron este xoves ás rúas de Louisiana para esixir que se repita o xuízo contra Mychal Bell, un mozo negro que o ano pasado agrediu un estudante branco na escola secundaria da pequena vila de Jena.
Aquel suceso produciuse despois de que varios adolescentes brancos colgasen tres sogas dunha árbore do instituto, xusto enriba de onde un día antes se sentaran tres dos seus compañeiros negros, nun lugar 'reservado' aos primeiros.
Dende aquel momento, a tensión entre uns e outros foi en aumento e raro foi o mes no que non se produciron altercados.
Cadea perpetua
Mychal Bell e os cinco amigos que estaban con el o día que agrediu ao seu compañeiro de estudos branco poderían ser condenados agora a cadea perpetua por tentativa de asasinato, malia que o agredido fixo vida normal a mesma tarde do incidente.
Pola súa banda, os mozos, que no berce do Ku Klux Klan, colgaron as sogas da árbore foron completamente absoltos.
"O único que queremos é equidade e igualdade -dicía o popular reverendo Jesse Jackson; unha xustiza que non faga distincións entre negros e brancos".
Hai medio século que non se producía unha marcha destas proporcións en Estados Unidos, dende a década dos sesenta, cando se aboliu oficialmente a segregación racial.