De profundis e Unha muller invisible, de Continental, e Bolboreta, mariposa, papallona representan o cinema do país.
Cartel de 'Unha muller invisible'
Galiza terá unha tripla representación no Festival de Cinema de Donostia, que este ano chega á súa 55ª edición. A achega do país está composta por dúas producións de Continental, De Profundis, de Miguel Anxo Prado, e Unha muller invisible, dirixida por Gerardo Herrero e rodada na Coruña. A elas súmase Bolboreta, mariposa, papallona,de Pablo García.
Os tres filmes proxectaranse dentro da sección Made in Spain, onde compiten as 14 producións máis representativas do estado español. As películas de Continental recibiron axudas da Consellaría de Cultura e Deporte: 200.000 euros para De profundis e 300.000 para Unha muller invisible, mentres que Bolboreta, mariposa, papallona non solicitou apoio público.
De profundis exhibirase o venres ás 22:45 na sala 3 dos Cines Príncipe e o sábado 22 ás 18:30 na sala 4 dos Antigua Berri; Unha muller invisible verase na sala 3 dos Cines Príncipe o luns 24 ás 22:45, e Bolboreta, mariposa, papallona proxéctase o domingo 23 ás nove da noite no Príncipe 3 e o luns 24 ás 18:30 no Antigua Berri 4.