Cultura vai presentar a Torre de Hércules e o Ferrol da Ilustración, e a Fundación Germán Estévez apoia, con 3.000 sinaturas, a Ribeira Sacra e Os Ancares.
Na segunda feira preséntanse ante a Comisión de Patrimonio Histórico do Ministerio de Cultura as candidaturas das distintas comunidades a Patrimonio da Humanidade. Dende o Goberno Galego escolleron o símbolo da Coruña, o faro romano da Torre de Hércules, e o Ferrol da Ilustración -que inclúe os castelos da Palma e San Felipe e o arsenal militar-, para presentalos ante o goberno español como posíbeis candidatos galegos.
O alcalde da Coruña, Javier Losada, amosou a súa "satisfacción" porque a consellaría "cumprira coa súa obriga", aínda que lembrou que vai ser "un camiño longo". Porén, Losada asegurou que "se hai un monumento en Galiza que teña as bases e sinais de identidade para ser patrimonio da humanidade esa é a Torre de Hércules", por tratarse do "único faro romano en activo" e, ademais, sinal de identidade dunha cidade.
Para apoiar a súa candidatura, o Concello da Coruña está preparando "un acto multitudinario coa presenza das novas tecnoloxías".
Paraxes "únicos no mundo" e candidatos ante a Unesco
Dende a Fundación Germán Estévez tamén queren presentar as candidaturas da Ribeira Sacra e Os Ancares e para isto levan recollidas case 3.000 sinaturas por todo o país, ademais de faceren un chamamento á Xunta para que se sume a esta aposta e se centre na defensa dos valores madioambientais e culturais destes dous lugares de Galiza.
Esta fin de semana desenvolvéronse varias conferencias sobre este tema no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Ourense), no que se contou co apoio dos veciños e alcaldes das vilas da zona.
Dende a Fundación promotora das candidaturas consideraron que o bipartito debería apostar por "paraxes únicas no mundo" e facer un "esforzo de conservación" no marco do asentamento da poboación rural e a compatibilidade coas actividades agroforestais de cada un dos núcleos.
Coas candidaturas presentadas, o goberno español decide
Vai ser o Ministerio de Cultura o que decida, a partir do Consello de Patrimonio Histórico Español, as súas candidaturas de entre unha lista de máis de 20 aspirantes que se presentan no ámbito estatal co obxectivo de obteren o apoio institucional español para concorrer ante a Unesco.