O ordense Iván Raña chegou sexto a 42 segundos do de Ferrol. Ambos os dous presentan a súa candidatura ao ouro olímpico.
O percorrido da proba foi o mesmo ca o que haberá nas Olimpíadas do vindeiro ano
O subcampión do mundo e actual campión de Europa e da Copa do Mundo, Xabier Gómez Noya, ten case nas súas mans a revalida deste último título, logo de vencer en Pequín na decimosegunda proba do circuíto, ao que lle restan tres xornadas máis.
Ademais, a vitoria nesta carreira, disputada sobre o mesmo percorrido polo que descorrerá a dos Xogos Olímpicos do ano que vén, coloca ao triatleta ferrolán como o máximo favorito para gañar o ouro para Galiza.
"Saín forte na primeira volta para me probar, algo que non adoito facer, e logo xa non me puideron coller", sinalou Gómez Noya tras a carreira. "Foi unha das miñas mellores carreiras do ano, na que mellor me atopei", engadiu.
Tras o de Ferrol, que marcou un tempo de 1:48.41, entraron o australiano Courtney Atkinson, a 22 segundos, e a 27 o neozelandés Bevan Docherty. Os inmediatos seguidores na clasificación xeral do galego, o canadense Simon Whitfield e o australiano Brad Kahlefeldt, foron quinto e oitavo, respectivamente.
Sexto posto para Ivan Raña
Gran actuación tamén a do ordense Iván Raña, que chegou sexto a 42 segundos do seu compatriota. "Nadei bastante mal para o que adoito facer. No entanto na bici sentinme moi cómodo, baixei o primeiro. Comecei a correr, e vía que podía ter un bo día. Aínda así faltoume un pouquiño na carreira a pé, subir custábame máis do normal, cando ese é o meu forte", afirmou Iván Raña.