Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Outro parto é posíbel

"Trátase de que a muller poida elixir cómo quere parir na sanidade pública"

As mulleres que querían recorrer á sanidade pública para dar a luz sen renunciar a decidiren sobre o seu propio parto, pronto poderán facelo. María Dolores Martínez Romero, matrona e Técnica do servizo de Calidade e Programas Asistenciais do SERGAS, falounos do proxecto da Consellaría de Sanidade.

Lara Rozados - 10:00 16/09/2007

O Proxecto de atención natural ao parto normal forma parte do Plan de Mellora de atención ó parto do Plan de Atención Integral á Saúde da Muller presentado pola Consellería de Sanidade o pasado 5 de maio.

O centro Virxe de Xunqueira, en Cee, e o comarcal do Salnés serán os primeiros en empregar unha nova política no paridoiro. O fundamental é que a nai estea cómoda e poida decidir en todo momento: quen a acompaña, como quere colocarse, se quere recorrer a unha bañeira para aliviar as molestias das contraccións... Está previsto que polo menos un centro de cada provincia estea en condicións de poder ofertar, para primeiros do 2008, a atención ó parto de xeito máis natural

Cada vez máis mulleres contemplan a posibilidade do parto na casa, ou, cando menos, non medicalizado. E moitas outras mulleres especialízanse como matronas para brindaren a súa axuda. Asociacións como Nacer en Casa, reclamaban xa hai tempo que a posibilidade do parto extrahospitalario fose incluída no Servizo Galego de Saúde. Mais, polo de agora, se unha muller galega quería escoller este tipo de parto nun centro hospitalario, tiña que ser na sanidade privada, efectuando un desembolso de 900 a 2.000 €.

María Dolores Martínez Romero, matrona do SERGAS, colabora na implantación do no Plan de Atención Integral á Saúde das Mulleres de Galicia e é membro da asociación Mámoa. Contounos como naceu esta iniciativa e como se prevé o seu desenvolvemento: "O Plan de Mellora de Atención ó parto do Plan de Atención Integral á Saúde da Muller é un compromiso da Consellería de Sanidade coas mulleres galegas e o Proxecto de asistencia natural ó parto normal en 4 hospitais galegos como centro piloto forman parte del. Pretende responder á demanda de colectivos de mulleres. As mulleres estanse a movilizar para que a atención ó parto cambie: queren estar acompañadas por profesionais que as respecten na toma de decisións e que favorezan a súa participación activa, e queren ter esta atención dentro da sanidade pública, e os profesionais se vexan na necesidade de cambiar os procedementos rutinarios aplicados durante o parto para poder responder adecuadamente a esta demanda. Basicamente, o que queren as mulleres é menos intervencionismo no parto, que sexa máis respectuoso. Non se tratade "promover" o parto na auga", a xente confunde parto na auga ou parto domiciliario con parto natural.

Como na casa

Incide particularmente en que, ademais de promover unhas prácticas, tamén cómpre evitar procedemento que está de sobra demostrado que son prexudiciais para a evolución fisiolóxica do parto (impedir a deambulación, deitar á muller durante toda a dilatación co monitor continuamente, non permitir que estea acompañada pola persoa de confianza, non proporcionarlle intimidade, non permitir a inxesta de líquidos e alimentos, romper a bolsa das augas de maneira artificial…). O que se quere é ofrecer todas as alternativas posíbeis para que a muller poida decidir, ademais estar acompañada por profesionais cualificadas para darlle este tipo de atención que a van a acompañar durante o traballo de parto, animándoa a participar activamente na toma de decisións e respectando a súa evolución natural "Está a posibilidade do parto natural, non medicado, o menso intervencionista posíbel, unha alternativa ao parto con epidural. Isto non quere dicir que, se a nai nun momento determinado precise un antibiótico ou outra medicación, non se lle administre, ou se no caso de que haxa un factor de risco non se lles atenda, á nai e ó bebé, con toda a tecnoloxía adecuada e dispoñíbel a cada caso, ou se cambia de idea ó longo do parto e desexa a epidural que non se lle vaia pór ".

Se as mulleres están nun clima confortábel e relaxado, o parto terá máis éxito. Para crear un ambiente íntimo e de seguridade para a nai e o seu bebé, quérese habilitar un cuarto nos hospitais que sexa ao mesmo tempo onde se teñan as contraccións durante a dilatación e onde se realice o expulsivo. "Normalmente, cando se chega a esta fase, o que se facía era trasladar á nai ao paridoiro. Trataríase de crear un ambiente íntimo, agradábel, cálido, nunha sala ou estancia pintada e decorada para mitigar a sensación de estar nun hospital frío e aséptico, de xeito que os monitores e o intrumental non estean á vista, algo que inhibe e bloquea ás mulleres. Ás veces teñen contraccións na casa, e en canto chegan ao hospital, desaparecen: a frialdade do hospital, o medo e a inseguridade bloquean o fluxo natural das hormonas do parto como no caso da oxitocina".

Tamén que poida acompañala durante todo o proceso quen ela desexe, que non sempre ten porque ser a parella. Alí habería diferentes alternativas para que ela puidese parir na postura que prefira, para que sexa o máis parecido a estar na casa: a bañeira se lle apetece un baño de auga quente, uns tallos de parto para poder sentar nas crequenas, uns balóns especiais para sentar neles e favorecer a dilatación e o descenso do bebé polo canal do parto, monitorización intermitente ou continua con telemetría que permiten a súa deambulación ou deitarse nunhas camas que lle permiten á muller adoptar distintas posturas.

Un cambio de actitude nos profesionais

"Non é tanto cuestión do equipamento como da actitude dos profesionais, non de aptitude, de sermos respectuosos coa muller que está parindo. Non se trata de obrigar a ninguén a nada, senón de pór en coñecemento e posibilitar as alternativas, de conseguir unha atención máis humanizada. Parecía que o único parto posíbel era o medicado, pero este feito parece que xa está cambiando”.

A muller ten que ter capacidade de decisión e confianza en si mesma e os profesionais teñen que ter ferramentas para darlle apoio e fortalecer esa confianza: "as mulleres estamos “programadas” para parir, só hai que respectar o ritmo de cada unha”.

"Para que o proxecto sexa viábel, ademáis de actitude, precisamos que os profesionais que atenden á muller durante o embarazo, o parto e o puerperio, traballen en equipo na procura da saúde da muller e do bebé e outra cosa fundamental é a formación. Por iso, dentro do proxecto están programadas actividades formativas, formación teórica e práctica dirixidas a matronas e xinecólogos, que realizarán estadías de formación noutras comunidades autónomas ao longo de outubro, novembro e decembro.

“Dende o grupo coordinador do Plan de Atención Integral á Saúde da Muller da Consellería de Sanidade, Tamén se están a elaborar protocolos e guías clínicas para garantirmos uns mínimos asistencias en todas as maternidades galegas. Na súa elaboración participan profesionais galegos expertos na atención ó parto".

O parto medicado

A palabra das fillas de Eva, de Teresa Moure (accésit do premio de ensaio Ramón Piñeiro no 2004), conta nas súas primeiras páxinas un parto nun hospital. A protagonista séntese constantemente vexada e privada de liberdade, róubanlle o momento de parir. A experiencia é traumática para moitas mulleres que asisten ao seu propio parto convertidas en seres pasivos pola ciencia médica: a horizontalidade e por veces, mesmo, inmobilidade dos seus corpos non lles permite ser quen decide, e son empregadas toda unha serie técnicas químicas e mesmo cirúrxicas para forzar a dilatación ou a saída do bebé: adminístranselle hormonas e anestesias, monitorízase ao feto, póñenselle edemas, practícanse episiotomías (un corte no perineo), cesáreas... Que repercuten na saúde da nai e do bebé.

"Unha intervención nun parto pode frustrar a lactancia" explica María Dolores Martínez. "Se por exemplo, apartan o bebé de ti seis horas nada máis nacer, vaiche ser moito máis difícil darlle o peito que se nada máis nacer o pos pel contra pel, sobre o peito. O hábitat natural do bebé son os brazos da súa nai, como di o Dr. Nils Bergman. Afortunadamente existen hospitais amigos dos nenos que garanten a promoción da lactación materna xa desde o embarazo, como é o caso do Hospital Comarcal do Salnés". Tamén determinadas medicacións poden ser prexudiciais para a lactación, como o fentanil, un opiáceo que se emprega na epidural.

"Vivimos a consecuencia da tecnificación da atención, sempre nos parece que cantas máis máquinas, mellor. E o que se fixo foi converter o parto, que é un proceso fisiolóxico perfectamente normal, nunha enfermidade, en algo terríbel". Dolores Martínez explica que a excesiva e inadecuada aplicación da tecnoloxización tecnoloxía nun parto normal ou de baixo risco remata por ser contraproducente, por producir o que se chama iatroxenia: un(ha) paciente padece unha serie de reaccións adversas por mor dunha actuación médica innecesaria ou inadecuada.

“A postura en que tradicionalmente se coloca ás mulleres para o expulsivo, deitadas boca arriba coas pernas abertas apoiadas nus estribos, non é a máis fisiolóxica para que naza o bebé. Este equipamento das unidades de atención natural ó parto normal permiten posturas máis verticais que favorecerían o nacemento do bebé e a comodidade da parturiente e da persoa que asiste o parto. Trataríase de que existise nestes hospitais unha unidade de atención ao parto natural con todos estes elementos que fomentan a seguridade e dan confianza á nai e ó seu / a súa acompañante”.

Hai evidencias científicas de que a episiotomía non prevén esgazaduras de terceiro ou cuarto grao, e é algo que se aplica case sistematicamente. Cómpre formar á xente para aplicar a episiotomía de xeito restritivo. "Ou a epidural: vendeuse como a panacea para o parto sen dor, pero non é tal, xa que só se pode aplicar cando se chega a unha dilatación determinada, e é unha práctica médica non exenta de efectos non desexados como hipotensión, dor de cabeza ou dor de espalda".

En resumo, a iniciativa presentada pola Consellaría de Sanidade este martes pode ser o primeiro paso para que a situación cambie, e o parto volva ser un proceso normal e humano, na vez de ser tratado como unha anomalía.


4,96/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Monitorización: arriba, o corazón do feto, e debaixo, as contraccións da nai. Flickr: sd
Monitorización: arriba, o corazón do feto, e debaixo, as contraccións da nai. Flickr: sd
Nai e fillo despois dun parto na auga. Flickr: Zen Zero
Nai e fillo despois dun parto na auga. Flickr: Zen Zero
Un paridoiro. Flickr: sd
Un paridoiro. Flickr: sd
Unha nai coa súa filla acabada de nacer. Flickr: retorique
Unha nai coa súa filla acabada de nacer. Flickr: retorique