Moitos medraron con Matilda, Charlie e a fábrica de chocolate ou As meigas. O 13 de setembro de 1916 nacía en Landaff (Gales) un dos mellores autores de literatura infantil contemporánea.
Morreu no 90, logo dunha vida chea de imaxinación desbordante compartida con cativos de todo o mundo. Despois de estudar nun colexio moi estrito, Dahl embarcou para Terra Nova, traballou para unha petrolífera británica en Tanzania, e combateu na II Guerra Mundial. Dos estraños soños que tivo daquela naceron os seus primeiros contos.
No 43 publicou o primeiro libro, The Gremlins, sobre aqueles seres aos que non se lles pode dar de comer pasada a media noite, que foron inmortalizados por unha serie de filmes. 21 anos despois viría Charlie e a fábrica de chocolate, que xa foi adaptada dúas veces ao cinema (a primeira, no 71, con Gene Wilder encarnando a Willy Wonka, e a segunda, de hai dous anos, con Johnny Depp no papel).
James e o Pexego Xigante, Matilda, o autobiográfico Boy ou The Witches, que chegou a ser censurado, foron outras das súas obras. Logo da súa morte, a súa viúva, Patricia Neal, puxo en marcha a Fundación Roald Dahl, destinada a realizar doazóns para cativos que carezan de recursos en áreas de sanidade (hematoloxía e neuroloxía) e educación. Tamén foi creada en Buckinghamshire a Roald Dahl Children's Gallery.
O seu legado
Ademais de prosa e poesía para nenos, cultivou a narrativa para adultos (incluíndo novela autobiográfica), o teatro e os guións cinematográficos e televisivos. Neste 13 de setembro, moitas editoriais e bibliotecas de todo o mundo celebran esta conmemoración.
En galego podemos atopar a obra de Dahl, ilustrada polo seu debuxante de referencia, Quentin Blake, na colección Merlín de Xerais: As
bruxas (1989, 2003), Danny, o campión do mundo (1989, 2003), Iago e o pexego xigante (1990), Matilda (1993), O dedo máxico (1996), A marabillosa medicina de George (2004), e, coincidindo coa estrea do filme, Charlie e a fábrica de chocolate (2005) e Charlie e o grande ascensor de cristal (2005).