O xurado do premio de narrativa breve escolleu este mércores Así nacen as baleas.
Anxos Sumai é a gañadora da segunda edición do premio de narrativa breve Repsol YPF, dotado con 6.000 euros. A escritora catoirense presentou ao certame a novela breve Así nacen as baleas, un drama familiar. O xurado, formado por Xosé Luís Axeitos, Miguel Anxo Fernán-Vello, Henrique Rabuñal, Anxo Tarrío e Carlos Lema, proclamou a súa decisión este mércores na Coruña.
Vieiros: É esta a súa primeira novela breve?
Anxos Sumai: Formalmente é a miña primeira novela breve, porque o que practiquei até agora a crítica tomouno como diarios, a pesar de que tivesen moito compoñente de ficción.
V: E cal é o argumento da obra?
A. S.: O argumento non o teño moi claro. É unha novela que fala de conflitos familiares, do tema da familia, desa aparencia de normalidade, cando non todo é tan perfecto e tan bonito. Partindo dunha estrutura familiar, fala de conflitos que se dan entre os personaxes, e sobre todo detrás tamén está o futuro que algúns teñen marcado dende que nacen, e a súa rebelión sobre o destino que lles foi asignado. Non ten un desenvolvemento como unha novela clásica.
V: O escenario é Galiza? "Detrás tamén está o futuro que algúns teñen marcado dende que nacen, e a súa rebelión sobre o destino que lles foi asignado"
A. S.: Ambiéntase en Galiza, nunha cidade que non ten nome. A personaxe dende a que se conta a historia tampouco ten nome. Chámaselle “nena”. Despois, hai outras cidades externas das que se fala, como La Paz, na Baja California (México). Trátase tamén da relación que ten esa personaxe coa familia de aquí e a de alá.
V: Como se lle ocorreu presentarse ao premio?
A. S.: Eu presentábame a premios literarios cando tiña 20 anos. Logo viñeron outros premios para obra editada. Desta vez, presenteime porque non estaba segura de se dominaba o xénero novelístico e quixen probar a enviala a un certame para conseguir tamén o primeiro pulo.
V: Despois de gañar este premio, vai enfocar o seu traballo cara á novela?
A. S.: Cando escribo non parto dunha idea predeterminada. Así nacen as baleas non naceu pretendendo ser unha novela, pero foi medrando co espazo que precisaban os protagonistas. Non sei se seguirei por ese camiño. Estou moi cómoda escribindo relatos curtos. Isto non decide nada.