O Estado filtra o borrador que crea un imposto para os aparellos que almacenen música, unha vella demanda da SGAE
Parece que hai fumata branca. Tras longos meses de duras negociacións entre a SGAE, o Estado e os fabricantes de trebellos tecnolóxicos, a administración por fin ten listo un borrador da polémica lei do canon dixital.
Segundo o documento filtrado onte, o canon aplicarase a todo tipo de dispositivos capaces de almacenar cancións ou vídeos. Iso inclúe os teléfonos móbiles e os reprodutores de mp3, entre outros.
Sen embargo, os fabricantes -moitos deles representados a través de ASIMILEC- están moderadamente satisfeitos co preacordo, pois o canon non superaría o 5% do prezo total. Ademais, lograron que se graben os trebellos segundo a súa categoría. Así, haberá que pagar o mesmo canon nun móbil capaz de almacenar 5 cancións que noutro que garde 500.
Máis dun millón de sinaturas en contra
A aplicación dun imposto a todos os equipos capaces de reproducir material audiovisual é unha das grandes demandas da SGAE. Esta entidade alega que a facilidade de copia no mundo dixital reduce as ventas de produtos culturais, idea que non se sustenta nos datos do mercado.
A ampliación do canon -que xa se aplica aos CDs virxes- conta cunha forte oposición popular, especialmente na comunidade de internauta. Así, a Plataforma Todoscontaelcanon xa entregou 1,3 millóns de sinaturas en contra do imposto.
Discutirase sobre o canon na campaña?
Polo tanto, o goberno estatal ten agora a difícil tarefa de venderlle a opinión pública as supostas bondades do canon antes de darlle a luz verde definitiva ao imposto. Unha tarefa que se lle pode complicar ante o inminente comezo da precampaña das eleccións xerais do próximo ano.