'Visións de Galiza no centenario de Pascual Veiga (1842-1906)' é o título das xornadas que terán lugar na Facultade de Xeografía e Historia da USC.
Pascual Veiga
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, o vicerreitor de Cultura da USC, Elias Torres, a decana da Facultade, Mar Llinares, o director do Departamento de Arte, Juan Monterroso, e o director do curso, Carlos Villanueva, inauguran o curso ás 9.30. A seguir, Manuel Ferreiro, da USC, falará sobre Eduardo Pondal e a problemática textual do himno galego.
María Rosa Fernández, musicóloga e asesora da Consellaría de Educación, abordará a figura de Pascual Veiga como autor do himno, e á tarde, Helena Villar Janeiro moderará unha mesa redonda en que se de debaterá arredor dos símbolos e a recepción do himno galego. E para pechar o día, a Igrexa da Universidade acollerá o concerto A canción galega coa soprano Teresa Novoa e o pianista Alejo Amoedo.
O xoves 13, o historiador Xosé M. Núñez Seixas, da USC, impartirá unha conferencia titulada Alén da morriña: música, identidade e sociabilidade entre os emigrantes galegos da Arxentina, 1880-1940. A seguir, Luís Costa da Universidade de Vigo, afondará nos Coros galegos: significado do modelo Aires da Terra, de Perfecto Feijoo. Pola tarde, María Nagore, da Universidade Complutense de Madrid, relacionará o coralismo co nacionalismo, e Luís Costa moderará o debate Uso e abuso da tradición na construción da identidade. Ás 20.30 Alicia González Permuy ofrece o concerto O piano galego romántico e de vangarda na Igrexa da Universidade.
Última xornada
Xa para rematar, o venres Camilo Fernández 'Valdeorras' da Universitat de Barcelona impartirá a conferencia O enxebrismo e o tío Marcos da Portela: un arquetipo fundacional e funcional da literatura vernácula e da cultura popular galega. Despois o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, lembrará a creación da mesma en 1906.
Na tarde, Cristina Patiño Eirín da USC centrará a súa intervención en Pardo Bazán e a música, e finalmente, o director do curso Carlos Villanueva pechará o ciclo de conferencias cunha intervención que leva por título Perfís de Galicia dende a vangarda: Jesús Bal y Gay. O derradeiro concerto Lembranzas corais será interpretado pola coral El Eco da Coruña dirixida por Alejo Sanchís Mompó, na Igrexa da Universidade. Este ciclo, dun total de 30 horas lectivas e con prazas para 55 alumnos, é outro dos actos organizados pola Consellaría de Cultura, a USC e a RAG arredor da figura do músico galego.