Resisten a calor e o po de Nixeria e poderanse adquirir con microcréditos
Nas zonas rurais de Nixeria non hai electricidade nin auga corrente e moito menos ordenadores. A ONG local Fantsuam Foundation creou o “Solo Computer”, un computador que funciona con enerxía solar, capaz de resistir a calor e o po deses territorios.
En Nixeria viven 140 millóns de persoas, e a maioría delas fano en pequenos poboados, onde non teñen a posibilidade de utilizar as novas tecnoloxías para lograr un maior desenvolvemento. Ao principio a ONG importaba computadores de segunda man do Reino Unido, pero rompían porque non estaban preparados para funcionar nunha contorna chea de po e calor.
A forma de computador é moi peculiar. A pantalla LCD e a electrónica están enmarcadas en madeira, que provén dos bosques reforestados da zona. Ademais está acompañado por unha placa fotovoltaica de baixa potencia que alimenta o aparello e unha batería que acumula a enerxía.
Pesa uns oito quilos e venderase ás comunidades e bancos locais para fomentar o seu desenvolvemento. O equipo pode durar uns 12 e 15 anos. A fundación tamén conta cun cibercafé e un centro comunitario de formación.