Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICA

A primeira cervexa sen (estado)

Unha aldea palestina celebra a súa particular Octoberfest, o profesor Moncho Iglesias cóntanos dende aquelas terras como se viviu.

Moncho Iglesias - 19:35 10/09/2007

A primeira cervexa comezou a elaborarse hai máis de 5000 anos en Exipto, e de aí logrou estenderse por todo o mundo, incluíndo Terra Santa. E é precisamente en Palestina onde, dende hai máis de dez anos, existe a primeira factoría de cervexas do mundo árabe. Esta fin de semana, Taybeh, a aldea produtora da cervexa “Taybeh” –o nome significa delicioso en árabe- celebrou o seu particular Octoberfest por terceiro ano consecutivo.

Taybeh é unha aldea en Cisxordania de pouco máis de 1000 habitantes, que triplica a súa poboación durante os dous días da festa da cervexa. Situada a 30 quilómetros de Xerusalén, entre Samaria e Xudea, a fama da aldea remóntase a tempos bíblicos. Na Biblia menciónase o nome de Efraín ao facer referencia ao paso de Xesús pola cidade, camiño de Xericó. O nome do lugar, que provén dunha raíz árabe que significa demo, cambiouse cando Saladín conseguiu liberar a zona das cruzadas e deulle o nome actual de Taybeh en agradecemento ás súas xentes.

Palestina, terra chea de variedades, ofrece a posibilidade de degustar cervexa, cun gran ambiente festivo. Ata o lugar achegáronse este días os palestinos que teñen posibilidades de acceso e moitos dos internacionais que colaboran na zona. A festa non só ofrecía as diversas variedades de cervexa producidas en Taybeh –dourada, lixeira, negra e sen alcohol- senón tamén concertos de música, representacións teatrais e mercados con produtos tradicionais da zona.


A Octoberfest palestina
A cervexa Taybeh consegue continuar a liña de fabricación comezada polos monxes medievais xermanos, pero non é quen de pasar fronteiras. Igual que a poboación palestina, sofre as consecuencias da ocupación e os continuos cacheos para comprobar que non hai explosivos baixo o líquido, o que provoca a perda de moitas botellas. Con todo, a Taybe pódese tomar nalgúns países europeos grazas a unha fábrica que existe en Bélxica e que permite a exportación a outros países. Parte dos beneficios desas ventas están destinados a axudas humanitarias palestinas e a israelís que rexeitan do exército, un motivo máis para brindar cun produto palestino.

Amais da degustación de cervexas, os eventos máis salientables deste ano, na Octoberfest palestina, foron as actuacións de dous dos grupos de música máis recoñecidos dentro do panorama indie palestino: Dam e Turab. O primeiro é un grupo de rap que combina a percusión co hip-hop, con letras que reflicten a situación do conflito palestino-israelí, así como outros temas máis provocativos, como son as drogas, o terrorismo ou os dereitos da muller. A outra banda, Turab, fusiona o jazz, o reagge e os ritmos latinos coa tradición árabe, con poemas que expresan o amor romántico, libertario e pacifista, así como a dor polas inxustizas.

Isto é Taybeh, e Taybe é Palestina, un intento de democracia onde conviven culturas diferentes en mutuo respecto coa tradición e os gustos. Unha revolución, en palabras dos donos da fábrica de cervexas, pois así é como venden o seu produto: «Proba a revolución».

Unha crónica para Vieiros de Moncho Iglesias


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: