Unhas corenta 'unidades de consumo' compran a produtores locais alimentos ecolóxicos na busca dunha alternativa aos supermercados
As cooperativas traballan con proveedores locais / Foto: flickr/juanjomartinez
Varias ducias de cidadáns de Compostela efectuarán esta semana un pedido conxunto de produtos de horta, cultivados de xeito ecolóxico por agricultores da comarca. Bota así a andar Eirado, a primeira cooperativa de consumo de responsábel na capital do país; cuns fins similares ás iniciativas que xa traballan con éxito en Ferrol (A Xoaniña) e Vigo (Árbore).
Minimizar o impacto no medio
A cooperativa compostelá, en proceso de constitución, subministrará periodicamente aos seus socios todo tipo de produtos. Por exemplo, no primeiro pedido inclúense vexetais cultivados preto de Santiago, para deste xeito minimizar o impacto ecolóxico do seu transporte.
Ademais de produtos galegos, a cooperativa tamén mercará alimentos que non se dan no país, como o café, o té e o azucre que venden tendas como Panxea, ou aceite de oliva. Iso si, todos os subministradores deberán garantir -entre outros requisitos- que non se empregan aditivos químicos e que non se embalan innecesariamente os alimentos.
Outro supermercado é posíbel
As cooperativas de consumo responsábel están a popularizarse en moitas cidades, a raíz, entre outros factores, da perda de calidade dos produtos frescos no comercio tradicional. A desconfianza ante as consecuencias para a saúde a medio prazo dos abonos químicos e dos produtos modificados xeneticamente é outros dos motivos polo que moitos cidadáns buscan solucións alternativas ao consumo nos supermercados.
Contacto en Santiago
Polo de agora na iniciativa compostelán participan unhas corenta 'unidades de consumo', que están formadas por unha ou varias persoas. Aqueles interesados en colaborar no proxecto poden contactar cos futuros cooperativistas, que se xuntan habitualmente na Casa Encantada, a través dunha lista de correo.