Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións en Marrocos

Os marroquís elixen os 325 deputados do seu parlamento

De se cumpriren os prognósticos, os islamitas moderados do Partido Xustiza e Desenvolvemento converteríanse na forza máis votada.

Redacción - 14:17 07/09/2007
Máis de 15 millóns de marroquís están chamados ás urnas

Máis de 15 millóns de marroquís están chamados ás urnas

Máis de 15 millóns de marroquís están chamados este venres ás urnas para elixiren os 325 novos membros do seu Parlamento (cámara baixa).

Os case 40.000 colexios electorais repartidos por todo Marrocos permanecen abertos dende as 8.00 horas (10.00 horas en Galiza).

Para estas eleccións lexislativas, as segundas dende que Mohamed VI accedeu ao trono do reino alauí, presentáronse 6.691 candidatos repartidos en 1.870 listas locais e 26 listas nacionais. En total, os candidatos representan a 33 partidos, dúas coalicións e 13 listas independentes.

De se cumpriren os prognósticos, os islamitas moderados do Partido Xustiza e Desenvolvemento (PXD) converteríanse na forza máis votada.

Os resultados definitivos das eleccións deste venres anunciaranse a partir do domingo pola tarde, dous días despois dos comicios. En 2002 cumpriron catro días para o reconto dos votos.

No entanto, os resultados provisionais das circunscricións locais anunciaranse o sábado a partir das 18.00 horas (20.00 horas en Galiza).

Enquisas favorábeis ao PXD
O PXD podería confirmar as apostas que o sitúan como a forza política con maior apoio entre os marroquís. A súa vitoria suporía un importante desafío ao goberno laico e aos seus aliados occidentais, que esperan cautelosos o resultado destes comicios.

Con todo, os analistas descartan que este partido logre encabezar o Executivo, aínda que non dubidan de que a presenza dos islamitas será maior. Mohamed VI ten a potestade para elixir o xefe do goberno e semella pouco probábel que vaia ser un membro do PXD.

Nas eleccións de 2002, o PXD conseguiu 42 escanos. Segundo unha sondaxe efectuada en 2006 polo International Republican Institute, o partido islamista moderado conta co apoio do 47% dos marroquís.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: