Hai un ano o incendio da química BRENNTAG provocou un vertido de graves consecuencias ambientais e sociais no río Umia. ADEGA desenvolveu unha acción de voluntariado coa intención de minimizar os efectos sobre a fauna e flora, e un ano despois destes feitos, a situación dos nosos ríos non é moito mellor, e así outro Brentang podería ser posíbel
A situación do río Umia na actualidade está lonxe do bo estado ecolóxico, nominación coa que a Directiva Marco da Auga (directiva comunitaria) asigna aos ríos cunha boa saúde ambiental. Os efectos do verquido da empresa Brentang xa non son tan visibeis, e os esforzos que dende a Consellería de Medio Ambiente se realizaron coa implantación dun plan de seguemento da calidade da auga no Umia, non foron os suficientes. Fíxose máis fincapé na problemática social do impacto do vertido, que comprometeu o abastecemento de perto de 100.000 persoas, que nunha verdadeira e efectiva rexeneración ambiental. A restauración do bosque de ribeira e das marxes do río segue pendente, e dende a administración só se ten informado da calidade dos lodos e do estado do leito do río un ano despois do verquido e através dos medios.
Na actualidade, un río que hai un ano estaba azul turquesa atópase agora verde fosforito. A responsábel é a cianobacteria Microcystis presente no encoro do Umia, que aínda que xa existía antes do vertido (como denunciaron en diversas ocasións os grupos ecoloxistas e veciños/as), non se avaliou a súa potencial toxicidade. Esta microalga vólvese tóxica en medios estancados e augas eutrofizadas, e a día de hoxe existe unha declaración de ALERTA 2 por presenza de microcistina, o fai que a calidade das augas do río Umia, contrariamente ao que publicita o Conselleiro, non sexan as idóneas.
Dende ADEGA entendemos que a maiores do dano paisaxistíco e ambiental que provocou o encoro de Caldas, este segue sendo unha fonte de risco sanitario, polo que solicitamos a Xunta de Galiza un estudo de viabilidade para o desmantelamento desta infraestrutura, como unha das medida para unha verdadeira recuperación integral do río Umia. E por se os nefastos efectos deste encoro non foran suficientes, augas arriba estanse a realizar as obras doutra central hidroeléctrica, a do salto da Hermida (Cuntis) que agravará os impactos ambientais, incluida a afección ás escasas poboacións de mexilón de río (Margaritífera margaritífera) especie en perigo de extinción.
Polo que respeita ao accidente e posterior vertido de BRENNTAG, a posibilidade doutra situación similar non é algo remoto; mañá cúmprese un ano deste penoso accidente que lonxe de ser algo illado, representou a “punta do iceberg” dun problema –os vertidos- que seguiron a ser unha constante nestes doce meses. Os vertidos ao río Tambre en Compostela, ao río Sar en Compostela e Rois, ao río Gallo en Cuntis ou a macabra celebración do día mundial do medio ambiente co vertido ao río Alvedosa en Redondela, son só algúns exemplos. E estes días, a estrana cor dos ríos Sil e Umia indícanos que algo segue a ir mal
ADEGA quere lembrar tamén que neste primeiro cabodano do desatre da Brenntang e a dous anos da aprobación da Iniciativa Lexislativa Popular para Defensa do Ríos (hoxe Lei de Protección dos Ríos Galegos) poucas cousas teñen mudado, lamentabelmente, nos nosos ecosistemas fluviais.