Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Un obreiro morto e catro feridos

Fomento investigará as causas do accidente do AVE no Carballiño

Ás seis da mañá derrubouse parte da plataforma superior do viaduto que estaban a construír sobre o río Arenteiro sobre un dos piares.

Redacción - 16:50 07/09/2007

Manuel Domínguez Lago, o obreiro que faleceu, era o capataz das obras, natural da parroquia de Bouzas, tiña 45 anos e residía en Vigo. Era parte do cadro de persoal de Comsa. Os catro feridos, de nacionalidade portuguesa, traballaban para Valdalla, contrata da UTE FCC-Comsa, responsábel das obras do treito do AVE onde se rexistrou o sinistro. Construían unha ponte sobre o río Arenteiro, na localidade de Pol, no municipio ourensán do Carballiño, dentro do trazado das obras do tren de alta velocidade da liña Santiago de Compostela - Ourense.

Segundo lle indicou a Europa Press o alcalde do Carballiño, Carlos Montes, xa foi aberta unha investigación para determinar as causas do accidente. O rexedor indicou que se trata dunha das pontes máis longas do trazado do AVE, cunha lonxitude prevista de dous quilómetros. Na zona tamén está a facer seguimento das operacións de rescate o anterior alcalde e actual conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, e mais o subdelegado de goberno en Ourense, Camilo Isaac Campo.

Permanece cortada a estrada que comunica Compostela e O Carballiño á altura de Santa Uxía de Lobás. Trasladáronse alí efectivos de Protección Civil e da Policía Local do Carballiño, a Garda Civil, bombeiros e dispositivos médicos do 061.

Últimas noticias (actualización ás 12:40)

Os dous traballadores con feridas graves, malia non correren risco as súas vidas, son Fernando Lucas Duarte Bieites, de 21 anos de idade, e Diamantino Mesquita Pereira, de 42, ingresados no servizo de urxencias do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU).

Os que sufriron feridas leves son Enmanuel Couto Barbosa, de 22 anos de idade, e José Fernando Mandurueina Cardoso, de 21 anos, e permanecen no servizo de urxencias do Centro Médico El Carmen, da cidade de Ourense, á espera de seren ingresados.

Fomento investigará as causas (actualización ás 16:50)

A ministra Magdalena Álvarez asegurou que en Fomento xa se iniciou un proceso de investigación para coñecer os motivos do accidente. Nunha conferencia de prensa en Barbate (Cádiz), afirmou non ter datos sobre o acontecido, pero indicou que xa se está a investigar. Tamén que a Unión Temporal de Empresas integrada por Comsa e FCC ofrecerá toda a información da que dispoña.

Pola súa banda, os sindicatos CCOO, CIG e UXT manteñen unha xuntanza en Ourense e falan de convocar mobilizacións. Denuncian e piden que se inspeccionen as condicións de traballo nas contratas, e poñen como exemplo as quendas de mesmo doce horas destes traballadores como unha das causas da elevada sinistralidade.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: