A galería barcelonesa enceta o curso cunha exposición cos deseños dun estudio londiniense e a presentación da última novela de Mario Regueira.
O xoves de 13 de setembro inaugurase na Galería da rúa Provença a mostra "Make Believe", unha creación de El Último Grito, parella artística que fundaran o ano 1997 en Londres un estudio de deseño con este nome. Son Roberto Feo e Rosario Hurtado, artistas que comparten traxectorias paralelas: ambos os dous estudaran en Madrid Socioloxía e Económicas e trasladáranse a Londres nos anos 90 para estudar deseño de mobles no London College of Furniture. Entre os seus últimos traballos están o deseño da zona infantil da nova terminal 5 do aeroporto de Heathrow.
A exposición amosa a particular visión dos artistas sobre os obxectos e os lugares. Trátase dunha compilación de formas nas que os colores, a improvisación, a liberdade ou o mundo infantil determinan o percorrido. É o resultado da colaboración entre o estudio londiniense e a factoría de cerámica. Na mostra poderá verse o traballo dos artista a través de reproducións en pequeno tamaño das súas pezas coñecidas como Micos, realizadas en cerámica por Sargadelos.
E o sábado 15 de setembro, Mario Regueira presentará na Galería a súa última novela, L’affiche rouge, novela que a editora, Xerais, entronca coa novela de aprendizaxe, e na que os personaxes se atopan "nun proceso de formación do que o fracaso e a ausencia dos referentes agardados é unha constante". O autor poderá ofrecer aos asistentes da presentación a súa propia visión da novela.
Xoves, 13 de setembro 2007, 20 h.
Inauguración da exposición "Make Believe", de El último grito.
Sábado, 15 de setembro, 18 h.
Presentación da novela L’affiche rouge (Ed. Xerais)
Coa presenza do autor, Mario Regueira
Galería Sargadelos Barcelona
C/ Provença, 276, 08008
Tlf./Fax: 93 2150368