Pantalla táctil e conectividade wi-fi principais novidades do trebello, que terá un custe mínimo superior aos 300 euros.
A pantalla táctil é unha das novidades do iPod Touch
Apple acaba de presentar unha nova versión do popular iPod, o trebello que revolucionou o mercado da música dixital. Trátase do iPod Touch, o primeiro aparato desta gama con pantalla táctil e un sorprendente grosor, unicamente 8 milímetros.
Outra das principais novidades é o prezo, que nos Estados Unidos é de 299 euros por un reprodutor de 8 xigabytes, uns cen euros máis por un de 16 xigas. É probábel que o prezo en Europa sexa lixeiramente superior.
Cando se poderán mercar?
Dende AS Computer, o 'Mac Center' de Santiago, indican que Apple aínda non confirmou aos distribuidores cando recibirán as primeiras unidades. Sen embargo, agardan poder vender as primeiras unidades “nos próximos días”; mentres que na BBC indican que estará dispoñíbel antes de fin de mes.
Do IpodTouch tamén destaca a súa conectividade a internet vía wi-fi, polo que os usuarios poderán comprar música dende o reprodutor. Iso si, cómpre lembrar que foi unha empresa galega, Blu Sens, a primeira que presentou un Mp3 capaz de descargarse cancións dende a rede cunha conexión sen fíos.