Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Logo do terremoto

O desastre despois do desastre

O investigador peruano Gustavo Oré dá unha visión persoal do que ocorreu e do que está pasando no seu país tralo sismo que azoutou a rexión andina a pasada semana.

Gustavo Oré / Canal Solidario - 09:45 02/09/2007

Como empezar a escribir este artigo e suscitalo en términos simplemente informativos e obxectivos? Nestas horas, é unha tarefa imposíbel de cumprir para o que subscribe, por iso pido desculpas por tomarme a licenza de escribilo en primeira persoa e que sexa a miña nai a primeira en ser citada, pois ao vela díxome: "foi o peor momento que me tocou vivir, pensei que o chan se abría".


O medo e a angustia apoderáronse dos peruanos naqueles dous minutos e fracción que durou o terremoto no que o país enteiro pareceu transformarse nun xigantesco barco navegando nun mar embravecido.


Citar cifras nestes casos resulta moi relativo e penoso, vinte e catro horas despois do sismo infórmase en máis de medio milleiro o número de persoas falecidas, aproximadamente outras mil atópanse feridas e un número non precisado, atópase en calidade de desaparecidas, sen cuantificar aínda as perdas materiais, especialmente nas cidades de Pisco -a máis afectada-, Ica e Chincha, onde miles de familias salvaron a vida, pero perderon todo o demais.


O que complicou a situación, foi todo aquilo que non ten que ver directamente coa forza da natureza, pero que vén influíndo na crise que hoxe vive o país. Para comezar, moi poucos puidemos comunicarnos coas nosas familias para saber se se atopaban ben, xa que tralo fortísimo terremoto, o sistema telefónico colapsou. De momento, até se usan os medios de comunicación (televisión, radio, Internet, etc) para saber se un familiar noutra cidade está ben.


O reclamo como consumidores cara á empresa Telefónica de Perú, que se constituíu nun monopolio, comezou por parte de representantes do goberno, que aínda non pode ter unha comunicación fluída cos seus informantes na zona do epicentro e outros puntos do país.


Paradoxalmente, empresas de transporte terrestre empezaron a cobrar o dobre da tarifa usual na ruta Lima-Ica, argumentando que existe libre mercado no país e que "aumentara a demanda" de viaxeiros a esta zona de desastre. A indignación dos usuarios e a poboación en xeral fíxolles retroceder neste "exercicio da libre competencia" a algunhas delas. Resulta incríbel até onde pode chegar a indolencia dalgunhas empresas en situacións límites como esta. Aínda que é verdade tamén que outras puxeron os seus buses ao servizo do transporte de axuda despois do suceso, mentres empresas doutro ramo empezaron coa axuda para os damnificados, a idea sería que esta debería canalizarse dunha forma ordenada, dilixente e pronta (algo que de momento non se está facendo).


A axuda humanitaria internacional empeza a chegar, pero o que non se observa é que o actual goberno conte cun plan adecuado de continxencias. A sociedade civil mostra vontade de colaboración e solidariedade, pero esta non é canalizada na formación de equipos de voluntarios. Polo tanto, esta gran vocación de axuda da xente estase limitando ao donativo de roupa, alimentos, medicamentos, sangue, etc. A maioría de damnificados aínda non teñen carpas nin comida, as tarefas de retirada de escombros e procura de sobrevivintes realízase de forma desorganizada e precaria. foi penoso ver como os feridos se atopaban hoxe regados na pista de aterraxe do aeroporto dunha das cidades afectadas en pequenos colchóns, á intemperie, esperando ser evacuados; ou ver que os hospitais da rexión se atopaban a piques de seren esborrallados e seguían atendendo, posto que os hospitais de campaña non se montaron.


Estas son só algunhas das tantas dificultades polas que atravesamos en Perú tralo terremoto, e é que lamentablemente nun país do sur, as consecuencias devastadoras dun desastre natural teñen un efecto multiplicador lamentábel, pois as infraestruturas e os sistemas colapsan con maior facilidade. Esta é unha realidade que se fixo notar até nun dos países máis poderoso do mundo, Estados Unidos, cando Nova Orleans foi castigado pola furia do Katrina. Para moitos analistas, o furacán tería efectos menos graves se se producise nun Estado do norte dos EUA.


Ao fío do anterior, sucede que aquilo que se chama vontade política (que non é outra cousa que deposición de intereses particulares do poder a favor da maioría esmagada pola violencia estrutural) tería que funcionar polo menos en momentos coma este, porén, a gran ineficacia que mostra a actual xestión gobernamental, sumada a xestos pouco oportunos coma o paseo do presidente García pola zona de desastre, sen maior loxística que a súa presenza, recibiu insultos e apupos, reflectindo o sentir e a mensaxe da poboación que quizá se podería resumir nunha frase, "non busques réditos políticos coa nosa dor, mellor traballa nun plan de continxencia serio". Algo que parece non entenden ou non queren entender os gobernantes de quenda, nin sequera en momentos como este.

*Gustavo Oré é avogado e especialista en Dereitos Humanos e colaborador do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH).


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: