Ducias de autores líricos, plásticos e audiovisuais aterran esta fin de semana en Salvaterra de Miño para participar nun 'Festival da Poesia do Condado' que non perde o seu carácter reivindicativo.
Co lema Ajustiçar a História, Ganhar Dignidade deu comezo esta quinta feira o Festival da Poesia do Condado en Salvaterra de Miño. Concretamente a vixésimo primeira edición, aínda que xa pasaron 26 anos de vida dende o seu nacemento.
Vieiros conversou cun dos seus organizadores, Manolo Soto, da Sociedade Cultural e Desportiva (SCD) do Condado, para saber que novidades poden atopar os visitantes esta fin de semana e, entre outras cousas, porque durante cinco anos a comarca do Condado viuse privada da lírica.
Vieiros: Que novidades podemos atopar este ano no Festival?
Manolo Soto: Todos os anos hai innovacións porque a poesía é algo que está a mudar e a innovar constantemente. Porén, o máis importante segue a ser o recital poético e musical do sábado. O Festival está adornado coas actividades de pintura, coa feira popular, ... que o arroupan.
Nesta edición contan vostedes coa sección Micro Aberto para que calquera asociación que teña algo que dicir ou denunciar, que o faga, mais cun tempo limitado de cinco minutos ...
Ben, realmente non é tan novidoso porque noutros anos sempre reservamos un tempo ou un determinado momento para que se alguén quere facer unha queixa publica, contra o Concello, ou contra quen sexa, que o faga.
Igual colle o micro algún de 'Tan gallego como el gallego' ...
Non creo que ousen. Non sei se lle gustaría moito ao público.
E a xente da vila, implícase co Festival?
Tanto o Festival como a Sociedade Desportiva e Cultural do Condado teñen xente que os apoia, mais tamén temos bastantes detractores. Hai que ter en conta que a poesía xa é de por si reivindicativa, e neste festival, que de sempre foi reivindicativo, chámaselles ás cousas polo seu nome. Ademais, este ano que está adicado a Memoria Histórica, comprenderás que é un tema que pode molestar.
A deste ano é a vixésimo primeira edición, mais a primeira vez que se celebrou este evento foi hai 26 anos. Como se explica isto?
O Festival da Poesia do Condado naceu no ano 1981, e se repetiu en anos seguintes até 1996. Neste ano e deica o 2001, cando se volveu retomar, non se puido organizar por falta de cartos. Daquelas, tanto o Concello de Salvaterra como a Deputación de Pontevedra foron por nós e afogáronnos economicamente durante cinco anos.
E actualmente teñen algún tipo de apoio económico?
Temos unha pequena subvención do concello, que nos dá 6.000 euros, e con axudas da Xunta, do Xacobeo e do Porto de Vigo, que en total serven para pagar o 40 ou 45% do festival. O resto sacámolo de diferentes actividades que facemos durante todo o ano, do bar que montamos estes días, de vender camisolas ...
Ademais do que recadan coas entradas do concerto. Este ano actúa a portuguesa Filipa Pais, non si?
Cada ano dedicamos unha noite a un dos países da lusofonía. Nesta edición tocoulle a quenda a Portugal; outros anos trouxemos xente de Cabo Verde ou das Azores.
Cambiando de tema, a SCD quere facer nesta edición lembranza especial de Antom Martínez, Tonhi ...
Tonhi é un mozo que lamentabelmente nos deixou o ano pasado. Foi presidente da SCD e un dos grandes responsábeis do rexurdimento do Festival do Condado na súa segunda xeira. Coido que é importante lembrar non só a historia pasada, que está moi ben, senón tamén a nosa historia recente.
Que expectativas hai na asociación sobre a afluencia de público para este ano?
O ano pasado vímonos abraiados pola cantidade de xente que veu, ao redor de 7.000 persoas o venres e 5.000 o sábado, e a verdade é que nos superou, porque estábamos afeitos a recibir entre 1.500 e 3.000 persoas. Nesta edición contamos cunha asistencia similar á de 2006, e estamos máis preparados para recibilos.
O ano pasado púxose en marcha un servizo de transporte gratuíto. Este ano tamén o hai?
Tamén. Hai trens dende Vigo, con paradas en Redondela, en Porriño e en Guillarei, e autobuses dende Mondariz, con paradas en Ponteareas e en Fornelos, e dende Tui, con paradas en Caldelas e Salceda. Ademais temos unha zona de acampada e o tempo, se non se trabucan os meteorólogos, vai ser bo.