Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Canteiras e ilegalidades

Multa a unha empresa extractora nunha canteira do Courel

Amigos da Terra ven denunciando en reiteradas ocasións a situación ilegal na que se atopa a canteira A Campa en O Courel e que está a provocar a destrución ambiental, e mesmo social, da zona. A imposición desta modesta sanción pola Confederación Hidrográfica do Norte, é un recoñecemento legal e administrativo da citada situación.

Amigos da Terra - 09:30 29/08/2007

A empresa Ultransa ven de ser sancionada pola Confederación Hidrográfica do Norte cunha multa que ascende aos 6.010 euros pola realización de obras consistentes na retirada de material de ambas marxes do río Luruda, así como da retirada dunha escombreira de grandes dimensións na marxe dereita do mesmo río, sen contar coa preceptiva autorización administrativa, en A Campa, no termo municipal de Folgoso do Courel, en Lugo. Así, en agosto de 2.006, o citado Organismo de Conca acorda incoar expediente sancionador contra a mercantil Ultransa.

Segundo se informou ao gabinete xurídico da asociación ecoloxista galega, recentemente os Servizos Técnicos de Zona do Organismo de Conca emitiron un novo informe onde se puña de manifesto a continuidade da empresa cos mesmos traballos de extracción sen a correspondente autorización e ignorando a obriga de restitución da zona de servidume e policía do río Luruda ao seu estado primitivo tal e como se esixía pola Confederación Hidrográfica.

A sociedade denunciada, pola súa parte, presenta un escrito de alegacións onde fai constar unha serie de argumentacións que, lonxe de acadar o respecto ambiental á zona por imposición legal e administrativa, o que persegue é “a obtención dun beneficio empresarial”, segundo a propia Confederación.

Queda constatado, así mesmo, polo Organismo de Conca, de que á empresa lle resulta “máis beneficioso a comisión da infracción que o cumprimento da normativa infrinxida”.

Polo tanto, como consecuencia da falta de restitución da zona ao seu estado primitivo, a reiteración de extracción de material a ambas marxes do río Luruda sen a preceptiva autorización administrativa e, en definitiva, o incumprimento normativo incorrendo nunha manifesta ilegalidade, fai que a CHN resolva impor á citada empresa unha multa que ascende aos 6.010 euros.

Amigos da Terra, ademais de considerar a contía da sanción como concepto mínimo polos danos ambientais infrinxidos en O Courel pola empresa denunciada, considera que, respecto a esta canteira de La Campa, se cernen unha serie de intereses especulativos e empresariais manifestamente ilegais e amparados pola Administración galega que, lonxe de por freo a esta situación que se mantén no tempo, veu de outorgar o pasado mes de xuño, a través do Consello da Xunta, licenza administrativa á Cupa de La Campa que carecía dela desde á apertura da explotación mineira e inicio de actividade en 1.974.

Está sobradamente recoñecido o valor ecolóxico e ambiental de O Courel que está sufrindo unha devastadora actividade extractiva pondo en grave risco ambiental a unha zona de altos valores naturais e que se pretende nomear Parque Natural, amén da declaración de Lugar de Importancia Comunitaria o que lle outorga un recoñecemento e protección ambiental a nivel europeo.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: