Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENTREVISTA CO DIRECTOR DE GALICIABANNER

"A publicidade na internet galega xa move máis de 3 millóns ao ano"

A axencia de publicidade en liña máis importante do país acapara titulares trala súa compra por un grupo catalán. O seu director, Rubén López Ferreiro, analiza o futuro do sector nun intre clave.

Manuel Vilas - 12:02 28/08/2007
Rubén López, director de Galiciabanner

Rubén López, director de Galiciabanner

Que motivos lles levaron a dicir si á oferta de Elogia?
A principal razón é poder pisar o acelerador un pouco máis . O mercado publicitario está moi concertado en seis ou sete operadores estatais. Ata agora, estes operadores non incluían a Galicia nos seus plans de mercado, debido ao baixo índice de uso da rede. Pero tarde ou cedo virán aquí. Ademais, é un negocio no que o volume de anuncios que movas é fundamental. E ao unirnos a Elogia, como nós temos un volume de negocio maior que eles no referido a rede de medios electrónicos, somo en realidade nós os que absorbemos o seu potencial.

Resúltalles un lastre a baixa penetración da rede en Galiza? Qué medidas lles gustarían que se tomasen dende a Xunta para contrarestala?
Non creo que eses baixos índices de uso de internet reflictan a realidade correctamente. Nos núcleos urbanos o nivel de uso e o volume de negocio é realmente aceptable. As políticas máis realistas son as de formación e concienciación. Hai que concienciar aos empresarios que as novas tecnoloxías son unha ferrramenta imprescindíbel para competir, se non virán outras firmas a quitarlles o sitio. Por exemplo, resulta incríbel que aínda haxa hoteis que non permitan facer reservas por internet.

Coa compra da axencia por parte de Elogia, que cambios van notar os clientes da compañía?
Ningún, o funcionamento vai ser exactamente igual, pois somos o mesmo equipo traballando no mesmo lugar. O único que poden notar é unha mellora no prezo. Ao sermos un grupo maior, temos máis capacidade de compra de soportes, sobre todo en medios globais como Google ou Terra.

Vai conservar a empresa a súa marca comercial?
Nós temos dúas liñas de negocio. Por unha parte temos unha rede propia de soportes, uns medios galegos aos que nós lle contratamos a publicidade, de xeito exclusivo ou preferencial. Nesta tarefa imos seguir sendo Galiciabanner. Pero tamén somos unha axencia de medios, é dicir buscamos soportes para os anunciantes. O interesante neste punto é que nós dende Galicia ímonos facer cargo de todo o negocio do grupo Elogia. É dicir, a planificación publicitaria dos clientes de Elogia en México, Portugal ou Barcelona ímola levar nós dende Vigo, baixo o nome de Elogia.

Galiciabanner leva traballando no mercado de internet en Galiza dende hai máis de seis anos. Evolucionou dabondo o mercado, é dicir, pode dicirse que é un mercado maduro?
Aínda é un mercado incipiente. A parte do pastel publicitario que se gasta na rede é moi pequena, pero está crecendo moito. Nótase máis receptividade nos anunciantes, moito máis que cando empezamos, que foi xusto despois de que estourase a burbulla das "puntocom". Agora todos os directores de marketing están interesados na publicidade en liña, e os clientes que apostan por ela sempre recuncan.

Con datos na man, pódese falar da consolidación do mercado a medio prazo?
Sobre o mercado publicitario en liña hai datos de ámbito nacional, non galego. En España o mercado medrou un 100% o ano pasado e para este ano agárdase un crecemento similar. Hai que pensar que en Inglaterra xa se gasta máis en publicidade en internet que en publicidade para a radio. E as tendencias do mercado sempre acaban chegando aquí, tardan ao mellor tres anos, pero acaban chegando.

Sería quen de indicar unha cifra aproximada de canto move o mercado publicitario de internet en Galiza?
Resulta difícil contar a todos os anunciantes, porque hai moito anunciante pequeno, que gasta 80 ou 10 euros en Google Ads, e Google só publica os datos a nivel europeo. Pero tirando polo baixo eu diría uns tres ou catro millóns de euros.

Nos Estados Unidos a publicidade en internet está resultando clave nas precampañas para elixir aos candidatos ás eleccións presidencias. Notouse algún aumento da facturación en Galiza nas últimas municipais?
En Galicia comezou a notarse unha maior inversión dos partidos políticos, pero aínda imos un chanzo por debaixo. Os partidos aínda están na etapa inicial, a de creación de sitios web e blogs. Agora estanse decatando que ter un portal non vale nada se non o publicitas. É como facer un anuncio de televisión e non comprar espazo para emitilo!


4,33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: