Os populares afirman que Sanidade non fai esforzo abondo en educación sexual. Tamén critican "a falta dun programa de prevención da drogodependencia".
"Estamos ante unha clara falta de información e de concienciación", aseguraba este luns o voceiro parlamentario do PPdeG en asuntos sanitarios, Miguel Santalices, apuntando a estatística sobre usos do preservativo. O deputado popular sinalou que o "repunte" que estarían rexistrando as enfermidades de transmisión sexual é resultado de que "a mocidade non está concienciada sobre este risco". Apuntou Santalices que a sífilis e a gonococia, "enfermidades que estaban dormidas", aumentaron case un punto con respecto a 2005, "e máis do 5% das mulleres están infectadas polo virus do papiloma humano, responsábel do 90% dos cánceres de útero".
Queixas pola política de prevención contra as drogas
Santalices tamén se ocupou dos últimos datos sobre consumo de drogas en Galiza. Na súa opinión que preto de 80 mil galegos consuman cocaína e arredor de 230 mil fumen marihuana ou haxix "debería facer reacción á Consellaría para que abandone o seu ostracismo nesta materia e poña en marcha medidas específicas". Segundo o deputado do PPdeG, Sanidade mantén "unha actitude completamente pasiva" fronte a este problema.
Ás críticas respondía poucas horas despois a Consellaría de Sanidade, desde onde salientaban que o Goberno adica un de cada catro euros do orzamento para a atención a drogodependentes a políticas de prevención, mentres que o anterior executivo "só gastaba un de cada seis euros" nese eido. Ao fío, tamén asegura a Consellaría que os programas preventivos chegan agora "ao 85% dos cidadáns", mentres que durante o último goberno do PP "só acadaban o 70% da poboación".