O acordo, que facilita a planificación conxunta e xestión industrial, mantén a independencia das sociedades.
Feiraco é a principal cooperativa galega
Os movementos no sector leiteiro non cesan. A cooperativa galega Feiraco vén de chegar a un acordo coa sociedade Lactiber (composta pola vasca Iparlat e a andaluza Covap). Segundo os promotores, esta alianza vai permitir a planificación e a xestión industrial conxunta. Porén, o capital e autonomía das cooperativas manterase intacto.
Feiraco e Lactiber consideran que este acordo é un importante paso para consolidar as cooperativas lácteas do estado e lembran que o acordo afecta ás sete plantas operativas que teñen en conxunto.
Un paso que non afecta á arela dun Grupo Lácteo Galego
A alianza dáse a coñecer mentres que continúan os traballos para crear un Grupo Lácteo Galego. Segundo puido saber Vieiros, este último acordo empresarial non afecta ao vello proxecto de concentración porque Feiraco segue a ter un capital integramente autóctono. A alianza da cooperativa busca mellorar os canais de distribución.
A arela dun grupo propio partiría sempre dun acordo entre Leite Río e Feiraco ao que se poderían sumar outras cooperativas de menor dimensión. Aínda que dende o Goberno Galego manteñen unha absoluta discreción sobre o asunto, todo indica que as negociacións volverán retomarse no outono.