Amoréase o lixo nas rúas de case un cento de municipios mentres afasta o acordo entre a empresa Isolux e os traballadores. A Xunta mediará na xuntanza deste xoves.
Baixos soldos, por baixo do mínimo do salario interprofesional, as quendas dobres, horas extras apenas pagadas, mal estado dos camións de recollida... Son os déficits principais nas condicións laborais, denunciados polos traballadores e que de momento afastan as posicións entre a empresa Isolux Corsán e os traballadores, liderados polo sindicato UXT.
Desde concellos como A Fonsagrada, Padrón, Pontedeume ou Fene continuaban as queixas este mércores, ao tempo que o lixo se acumulaba nas rúas. Máis de oitenta municipios están afectados pola folga e a situación é peor naqueles onde ademais da recollida do lixo dos contedores amarelos tampouco se están recollendo os residuos orgánicos.
Este mércores reuníronse representantes das consellarías de Medio Ambiente, Sanidade e Traballo para analizar a situación. Na reunión deste xoves entre empresa e traballadores estará tamén a directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, que mediará entre as dúas partes. Desde o Goberno afirman agardar un acordo axiña.