Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tamén frean outro proxecto para o río Avia

Prohibiranlle a Iberdrola furar o Canón do Sil para a minicentral

Debido aos graves efectos ambientais, o Ministerio xa lle recomendou á empresa que busque alternativas fóra da Ribeira Sacra. O salto foi deseñado en plena Rede Natura e no corazón dos canóns do Sil.

Redacción - 09:30 22/08/2007

Non hai aínda pronunciamento oficial sobre a viabilidade, malia que en resposta á deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, o Ministerio de Medio Ambiente avanzou que xa lle recomendou á empresa promotora, Iberdrola, que busque "novas alternativas" ao proxecto de aproveitamento hidroeléctrico que deseñara no concello ourensán de Parada do Sil.

O plan presentado pola empresa está aínda sendo sometido ao procedemento de impacto ambiental, obrigatorio antes de que a Confederación Hidrográfica do Norte decida a autorización. Xa que logo, o expediente resolveríase coa prohibición a Iberdrola para o despregue deste proxecto, toda vez que a avaliación realizada até o de agora acumula diversas posicións en contra da iniciativa. Así, o Ministerio conta xa cos informes negativos da Xunta e de varios colectivos ecoloxistas. "Tanto a Xunta como o resto dos consultados desaconsellaron a localización prevista para a central polos seus graves efectos ambientais", expresa a resposta do Ministerio á deputada nacionalista. Da documentación revisada, o goberno español recoñece que o proxecto "podería ter potenciais efectos ambientais sobre diferentes elementos do medio ambiente e sobre a paisaxe da Ribeira Sacra".

O Concello de Parado do Sil apoiaba o proxecto

Paradoxalmente, desde o Concello afectado por este salto eléctrico non se opoñían á iniciativa. Iberdrola proxectaba unha central de bombeo que estaría no embalse de Santo Estevo, e desde onde se elevaría a auga até un encoro artificial de 37,5 hectáreas, 800 m arriba do río na cima do canón. Dende aquí deixaríase caer por gravidade para turbinala e producir electricidade. Tanto o encoro como as quilométricas conducións subterráneas sitúanse nas ladeiras do Canón do Sil, Lugar de Interese Comunitario e espazo integrado na Rede Natura galega.

"Esta obra faraónica implica un importante movemento de terras e unha intervención profunda (e nunca mellor dito xa que furaría todo o macizo) nun espazo protexido, provocando un ferinte impacto paisaxístico nun lugar onde é precisamente a paisaxe o seu valor fundamental, foco de atracción turístico a nivel europeo", criticaban desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza.

Informe negativo para un aproveitamento hidroeléctrico no río Avia

Por outra parte, a Consellaría de Medio Ambiente informou este martes do informe negativo emitido sobre o proxecto presentado por Proener Ibérica Energías Renovables SA, que pretendía construír unha minicentral no río Avia ao paso polos municipios de Leiro e O Carballiño. O informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza sinala "os perigos que este proxecto tería para a fauna acuática e o ecosistema fluvial debido á insuficiencia de caudal e o cambio nas condicións de fluxo". Desde o departamento explican que a decisión vai na liña de "poñerlle freo á sobreexplotación dos ríos galegos".


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: