Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os veciños piden a paralización e sancións

O Salto da Ermida segue adiante sen licenza de obra

"O impacto ambiental é xa agora descomunal e destrutivo", láianse desde o colectivo O Fervedoiro sobre a minicentral da Ermida, no Concello de Cuntis.

Redacción - 09:30 22/08/2007

O colectivo veciñal avisa de que as obras están xa bastante avanzadas malia careceren de licenza municipal e de que o Salto da Ermida terá unha envergadura "bastante considerábel e desde logo moito maior que a que se lle transmitiu á sociedade". "Demandamos unha explicación sobre as voaduras que se están a realizar así como das deposicións dos restos vexetais", expoñen, "e esiximos as correspondentes sancións no caso de seren procedentes".

A denuncia inclúe tamén aos gobernos locais de Cuntis e Moraña, aos que acusan de "mirar para outro lado sabedores da realización dunhas obras sen os permisos pertinentes". Por este motivo, rexistraron xa no Concello de Cuntis unha solicitude de "paralización inmediata" das obras.

"Tres Mares" quéixase do impacto sobre o seu proxecto acuícola
Entre os afectados pola minicentralización do Umia está tamén a empresa piscícola Tres Mares, que advirte de que as irregularidades no caudal son perigosas para a actividade da planta. O grupo posúe en Moraña a empresa Troitas do Umia, e quéixase de que a minicentral construída 4km río arriba xa lle causa significativas perdas á factoría. Láianse de que por riba, Augas de Galicia autorizou agora outra minicentral a só 150 metros da planta.

Para avalaren as súas denuncias encargáronlle un estudo ao Departamento de Enxeñaría Agrícola e Forestal da E.T.S. de Enxeñarías Agrarias da Universidade de Valladolid. O informe acaba de presentarse, e detalle os efectos da construción destas minicentrais. Entre os impactos advertidos: o movemento de terras, que ocasiona turbidez na canle; a maquinaria e materiais de construción, polas substancias tóxicas empregadas, e a destrución da vexetación, xa que a falta de arboredo que sombree a canle xera un aumento na temperatura da auga e deixa o terreo desprotexido fronte á erosión.

"O río máis magoado da Galiza"
Na memoria recente esta tamén outro encoro, na altura de Caldas, nado coa beizón do anterior executivo e con estudo de impacto ambiental "literalmente copiado dun proxecto andaluz". "Nin se molestaron en mudar o nome dos pobos, deixándolle Puebla de Guzmán onde deberan poñer Caldas de Reis", sinalan os ecoloxistas. Desde Adega hai poucos días que reiteraban unha vez máis a solicitude de demolición para un encoro que foi proxectado ademais con obxectivos "falseados", segundo denuncian, asegurando que o abastecemento de auga proxectado era para unha poboación que multiplica varias veces o censo real da súa área de influencia.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: