Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Plano Sectorial de Acuícultura

Aclaracións de ADEGA ao comunicado de prensa de AROGA

Ante o demagóxico comunicado de prensa difundido este 20 de Agosto por AROGA (Asociación de Productores de Rodaballo de Galiza) ADEGA realiza as seguintes puntualizacións e aclaracións coa fin de dar a coñecer as implicacións reais que a macroacuicultura industrial supón para Galiza e os seus sectores pesqueiro, marisqueiro e turístico.

ADEGA - 11:46 20/08/2007
Tags:

1º A ACUICULTURA MARIÑA CONTAMINA CON ENORMES CANTIDADES DE AUGAS RESIDUAIS SEN DEPURAR E OCUPA ESPAZOS PROTEXIDOS DE ALTO VALOR ECOLÓXICO.

As instalacións de acuicultura industrial en Galiza non contan, en ningún caso con estación depuradora de augas residuais da actividade industrial. Estas augas residuais provocan unha elevada contaminación orgánica da auga mariña e orixinan unha degradación da cadea trófica e destrucción dos ecosistemas mariños próximos ás zonas de vertido. Ademais úsanse productos químicos para a limpeza de tanques que tampouco reciben ningún tratamento. As análises que o demostran foron realizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña ante a falta de datos procedentes de Augas de Galiza.

A captación de auga “sempre” se realiza nun punto o máis alonxado posible do punto de vertido como se pode comprobar na foto de satélite que corresponde a Cabo Vilán. Isto é debido a que se necesita auga limpa para os peixes que producen auga suxa con defecacións, restos de pienso e productos químicos variados. Cabe preguntarse Porqué se é tan limpa esta actividade non se fai en circuito pechado? A resposta é evidente as augas contaminadas non son aptas para a cría de rodaballo.

2º AUGAS DE GALIZA NON REALIZA CONTROIS DAS AUGAS RESIDUAIS DAS PISCIFACTORÍAS

En resposta a unha solicitude de información ambiental e mediante a intervención do Valedor do Pobo para recibir esta información ADEGA dispón de datos oficiais (Augas de Galiza, 16 de Outubro de 2006) na que se afirma que 27 piscifactorías non dispoñen de permiso definitivo de vertido entre as que se atopan entre outras as seguintes:

Stolt Sea Farms: Cabo Vilán, Couso (Ribeira), Lira, Quilmas, e Merexo.

Insuiña Mar: En Xove, Ribadeo e Muxía

Ver: http://www.adega.info/index.php?option=com_content&task=view&id=328&Itemid=2

Isto que significa que dispoñen de permisos provisionais que non implican un control da calidade das augas, somentes o pago dun canon de vertido, e constitúe unha situación de ilegalidade flagrante ao levar en moitos casos máis de 3 anos en situación provisional (por exemplo Stolt en Cabo Vilán).

Este permiso é obrigatorio segundo a Lei 46/1999 de 13 de decembro, de modificación da Lei 29/1985 de Augas debe concederse con anterioridade á licenza municipal de obras e serve á administración para coñecer e monitorizar a calidade e cantidade das substancias que van ser emitidas ao medio acuático.

“Artigo 9.1. As autorizacións de vertidos establecerán as condicións en que deben realizarse, na forma que regulamentariamente se determine. En todo caso, deberán especificar as instalacións de depuración necesarias e os elementos de control do seu funcionamiento, así como os límites cuantitativos e cualitativos que se impoñan á composición do efluente o o importe do canon de control do vertido definido no artigo 105; 2. As autorizacións de vertido terán un prazo máximo de vixencia de cinco anos, renovábeis sucesivamente sempre que cumpran as normas de calidade e obxectivos ambientais esixíbeis en cada momento. En caso contrario, poderán ser modificadas ou revogadas de acordo co disposto nos artigos 96 e 97.”

As análises realizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña no punto de vertido de Stolt Sea Farms en Quilmas (Carnota) superan os límites establecidos no Real Decreto 509/1996 que incorpora o contido da Directiva 91/271/CEE, en máis de 100 veces nalgúns parámetros como DBO, DQO, sólidos en suspensión, NTK e Fosfatos. Dispoñible en: http://www.adega.info/index.php?option=com_content&task=view&id=534&Itemid=2

A carencia de permisos de vertido definitivos implica a existencia de DISCONFORMIDADES no cumprimento das certificacións ISO 14000 e EMAS. Estas certificacións teñen carácter privado e a súa posesión non implica que unha empresa non contamina senón que indica que están establecendo medidas para correxir o impacto ambiental. A ISO 14000 non impón requisitos concretos e só implica unha certa mellora en canto á situación anterior á súa implantación. As empresas máis contaminantes de Galiza dispoñen deste certificado, como: ENDESA (As Pontes e Meirama), ENCE (Celulosas de Pontevera), ALCOA (San Cibrao). Estas son as empresas máis contaminantes do país e sen embargo dispoñen desta certificación. Ter o certificado é máis positivo que non telo, sen embargo non implica que non exista contaminación. O seu carácter privado impide que Asociacións Ecoloxistas como ADEGA ou os veciños afectados podan dispor de información destes certificados e polo tanto ningún tipo de control.

En caso de que as empresas faciliten esta información a ADEGA esta comprométese a analizar os datos con rigor e expor as conclusións publicamente.

En caso de que Augas de Galiza dispoña de análises realizadas nos puntos de vertido das piscifactorías industriais, ADEGA solicitará esta información inmediatamente para coñecer os datos.

Os resultados das análises realizadas por Stolt Sea Farm para o estudo de impacto ambiental da piscifactoría de Quilmas son practicamente idénticos ás augas limpas mariñas, esta análise está realizada polo CECOPESCA de Vigo sen embargo a letra pequena do documento afirma: “La muestra fue facilitada por el propio cliente. El análisis solo da fe de la muestra recibida”, “Las opiniones o interpretaciones incluidas en el informe están fuera del alcance de la acreditación de ENAC”. O que claramente invalida estas análises como válidas para coñecer a situación real.

ADEGA convida a AROGA á realización de análises por organismos imparciais como o SEPRONA e coa presencia de ecoloxistas e empresarios de AROGA e á difusión posterior dos resultados obtidos, deste xeito os cidadáns serán conscientes da realidade dos feitos denunciados.

A existencia da Reserva Mariña de Lira, sen dúbida un bo exemplo de conservación dos recursos naturais, nada ten que ver coa presencia de Stolt e responde en maior medida á reducción da presión pesqueira na reserva que á calidade das augas, a realización de tratamentos de depuración da piscifactoría de Lira melloraría significativamente a calidade das augas da reserva mariña “Mar de Lira”.

3º DESLEIXO DA ACTIVIDADE COAS ÁREAS PROTEXIDAS E CON OUTROS SECTORES ECONÓMICOS DE MAIOR IMPORTANCIA SOCIAL E ECONÓMICA

O comunicado de AROGA indica que dispoñen do recoñecemento da ONG “Friends of the Sea”. Sen embargo ADEGA non dispón de ningún tipo de referencia sobre esta entidade en Galiza. Se marcamos no útil buscador Google este nome, a primeira entrada que obtemos é da asociación californiana de Amigos da Lontra Mariña que nada parece ter que ver coa citada.

Na segunda entrada que corresponde a www.friendsofthesea.org a única información que obtemos é: que esa páxina web foi suspendida e está “temporalmente inaccesible”, leva así dende que foi consultada por primeira vez por ADEGA. Dende logo para ser unha ONG semella moito unha organización “fantasma” e resulta descoñecido calquera dato sobre a mesma, nin actividades nin a súa propia existencia aparece en ningún lado. Calquera pode corroborar estes datos en Internet.

Qué credibilidade demostran  as afirmacións de AROGA?

A promesa de inxentes cantidades de postos de traballo prometidos polo sector da acuicultura industrializada tense comprobado tamén como falso. Os habitantes de Camariñas coñecen os 125 postos de traballo prometidos por Stolt en Cabo Vilán que agora son entre 15-25 según as necesidades da producción. Calquera pode comprobar cantas persoas están na xornada laboral nestas instalacións, apenas se ven traballadores nelas.

Isto é debido á alta mecanización das novas macropiscifactorías proxectadas. De tal xeito resulta paradóxico que na hatchery de Merexo (Muxía) que se pretende ampliar a máis do dobre da súa superficie actual, unha vez rematada a ampliación é posible que se produzan despidos en vez de contratacións, xa que a mecanización que se vai a realizar, paralelamente á súa ampliación, fará excesivo o actual número de traballadores.

A creación destas instalacións de macroacuicultura conleva grandes subvencións e axudas públicas que son cartos dos impostos dos cidadáns destinados a engrosar as contas correntes das empresas do sector, de xeito que constitúe un sector altamente subvencionado para a creación dunha ínfima cantidade de postos de traballo que despois tan sequera é un número real.

O prexuicio que provoca a contaminación das piscifactorías conleva un empeoramento dos ingresos procedentes do marisqueo (existencia de zonas B e C) unha diminución do alimento dispoñible polos bancos de peixes no mar aberto (os rodaballos consumen fariña de peixe procedente de especies de escaso valor comercial pescado coas peores artes de pesca, ou ben descartes). Ou os prexuizos dos futuros visitantes das nosas rías que as escollen como lugar de vacacións atraídos polo valor ambiental e paisaxístico da costa galega.

Ningún estudo contabiliza os postos de traballo que destrúe a acuicultura sen depuración de augas nin os ingresos que deixamos de percibir tendo o medio ambiente ben conservado, sen embargo este é un suceso real e medible. Convidamos a todos os cidadáns a visitar os puntos de vertido das piscifactorías existentes e comprobar os cheiros a podre, a auga suxa e os bancos de muxos que se alimentan da pera que sae dos tubos.

Finalmente destacar que ADEGA non é contraria á acuicultura senón que denuncia “malas prácticas” de determinadas empresas e amosa a disconformidade coa acuicultura sen depuración de augas e situada en espazos de alto valor ecolóxico. ADEGA si aceptará instalacións ben dimensionadas, ben ubicadas e con garantías ambientais como calquera outra industria.


2,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: