Desde a Asociación de Produtores de Rodaballo de Galicia din ver unha "campaña de difamación" contra eles. Por parte ecoloxista, Adega convida a realizar análises independentes.
"As imputacións son absolutamente infundadas e só responden ao descoñecemento da actividade e á manipulación dirixida por determinados grupos ecoloxistas". Así defendían este luns a súa actividade os empresarios produtores de rodaballo nun comunicado onde rexeitaban o presunto impacto ambiental das súas factorías.
"Proba diso é que nunca se interpuxo denuncia algunha ante os tribunais", aseguran desde a Asociación de Produtores de Rodaballo de Galicia, Aroga, en defensa da súa actividade. "É imposíbel manter aberta unha granxa que non sexa impecábel nos seus vertidos, dada a dureza da lexislación que se aplica", aseguran. Ao tempo, consideran que o propio sistema de funcionamento os avalaría, xa que captan auga do mar para o cultivo do peixe, de xeito que calquera vertido que eles mesmos fixesen "sería reabsorbido" resultando mortal para os peixes da planta.
Como exemplo de boa práctica destacan que "xusto diante do tubo de vertido dunha das maiores granxas do mundo", en referencia á piscifactoría de Lira, estea a primeira reserva mariña de Galicia. De paso, salientan que o sector creou até 400 postos de traballo no país.
Retrucan os ecoloxistas
Ao argumento anterior de Aroga, desde a Asociación de Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, respondían este mesmo luns que as piscifactorías realizan esa captación de auga mariña "no punto máis afastado posíbel" do lugar onde elas mesmas fan os seus vertidos. Ao respecto, os ecoloxistas proporcionáronlle aos medios unha foto sobre as instalacións en Cabo Vilán onde se comprobaría este proceder.
Xa que logo, Adega insiste en que os proxectos acuícolas non contan con estación de augas residuais e provocan unha elevada contaminación orgánica da auga mariña, destruíndo ecosistemas mariños próximos. Expoñen tamén análises realizadas polas universidades da Coruña e Santiago segundo as cales se comprobou o uso de agresivos produtos químicos para a limpeza de tanques "que tampouco reciben ningún tratamento".
Por outra parte, recordan que Augas de Galicia non realiza controlo de augas residuais destas piscifactorías. Ao fío, e despois de pedir a intervención do Valedor do Pobo para acceder á información, Adega lembra que até 27 piscifactorías non dispoñen de permiso definitivo de vertido.
Fronte a esa situación, desafían aos produtores de rodaballo a que organismos independentes realicen as súas propias análises, con presencia de ecoloxistas e de empresarios do sector, e que se fagan públicos os resultados.